Noiteboa en Islandia. Por @DulceCorcu

Islandia é un país raro para os españois, con costumes que aquí ata se poderían considerar extravagantes. Porque se agasallar libros xa é algo residual, facelo en noiteboa coma pouco é unha temeridade. Imaxinade senón a ese cuñado voso a medianoite, despois da copiosa cea e dúas botellas de Albariño, recibindo unha exquisita edición de “Cen anos de soidade”, do recoñecidísimo Gabriel García Márquez, ou “A memoria da choiva” do noso Pedro Feijoo, no lugar dun aparello electrónico, un perfume ou unha garavata para cando haxa que ir de voda. Non digamos poñerlle algún libro aos cativos no zapato baixo a árbore, que mirarían e remirarían preguntándose onde ten ese chisme os botóns. Pois ben, en Islandia o costume é agasallarse libros nesa noite de paz e convivencia familiar. E non só iso: tamén abrilos e lelos sen poñer cara de fastidio. Xente rara, xa viña avisando.

En Islandia ler non é unha obriga, é un pracer que fai que os seus habitantes sexan os máis lectores de Europa, cun promedio no que un de cada dez islandeses acabará publicando un libro e que eleva a un alto porcentaxe aos autores autóctonos que publican as editoriais. Un mercado orientado ás datas de Nadal, onde dende outubro a decembro verán a luz as novidades e a maior parte da produción literaria do país. A comezo de tempada, envíanse catálogos para unha mellor escolla e tamén están dispoñibles en Internet. Imaxinade por un segundo as nosas televisións nestas datas anunciando libros e non colonias, xoguetes, electrónica ou créditos para afrontar os fastos dos que ninguén quere prescindir. Non hai mente prodixiosa que chegue a tanto. No noso país, nalgún suplemento pretendidamente cultural de xornais de gran tirada, fan unha lista de “recomendados” con encabezados tan decimonónicos coma “para papá” e “para mamá”, onde por suposto para elas son de temática romántica e para eles, aventuras e suspense. En riguroso castelán, que para que imos andar remontando a escasa edición un ano máis de títulos en galego, se saes de aquí e non vale para nada.
Islandia ten esa clase de xente que en 2009 botóuse a rúa e negóuse a pagar o despilfarro dos bancos con diñeiro público, e que finalmente conseguíu ver aos culpábeis na cadea e non rescatados cos cartos do sufrido contribuínte, que foi exactamente o acontecido en España. País tradicionalmente conservador, conta sen enbargo cunha dereita non vinculada ao fascismo, nin herdeira de ditaduras das que manter cargos e expolios. En 2016, a presión cidadá abocou á demisión ao seu primeiro ministro, sinalado naqueles famosos “papeis de Panamá” coma evasor fiscal. En España, ninguén foi capaz aínda de poñerlle nome a un tal “M. Rajoy” que aparecía nos papeis de Bárcenas coma cobrador de sobresoldos en negro. Son cousas que o respectable islandés non perdoa. Quizais porque é un cidadán cultivado e pouco dado a crenzas místicas, co honroso mérito de ser un país con toda unha xeración menor de vintecinco anos declaradamente agnóstica. En España, mentres, partidos coma PP ou Ciudadanos veñen de pechar unha serie de medidas programáticas para gobernar Andalucía, e unha delas é de compromiso e apoio a, entre outros, ó coletivo “transxénico” en vez de ao “transxénero”. Que apoio e interese se pode agardar de quen nin sequera coñece iso do que fala. Seguramente sexan as cousas de non agasallar nin recibir libros en Nadal nin noutras datas. Moito menos, de ler algún.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte + cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.