Mestres da ignorancia. Por @DulceCorcu

Ser mestre dalgunha cousa implica un mínimo coñecemento sobre ela, porque selo da ignorancia non pasa de ser un oxímoron, unha incongruencia. Mais con todo iso, habelos, hainos, e ás veces ata saen pola televisión e pretenden ensinarnos o que nin eles saben. Tal aconteceu esta semana durante a emisión do programa “Maestros de la costura”, nada menos que na primeira canle de Televisión Española, esa mesma que pagamos todas e todos para que invirtan o noso súor en ilustrarnos e entreternos, pero nunca en embrutecernos. Na derradeira emisión deste programa, unha das probas era converter traxes rexionais en “modernos”, e o gol nas Gaunas saltou cando presentaron o traxe galego coma “Traxe típico de Vigo”. Sen intermediación de Abel Caballero nin nada, así por pura ignorancia nada máis.

Alén disto, o traxe en sí mesmo era a versión galaica da andaluza de toda a vida: sinxelo e inamovible no tempo, cunha saia longa e un dengue coma todo distintivo. O típico que se atopa nos “souvenirs” para foráneos, coa parella de galeguiños vestidos de negro e vermello sen necesidade doutro engadido. Bueno, hai algúns que os adornan cunha gaita ou pandeireta, para disipar dúbidas. Quizais fose brincadeira noutro contexto, pero non nun programa que se emite para todo o Estado, e do que emanará esa imaxe inexistente de “traxe típico de Vigo”. Que a xente da Cultura galega ande doente por esta mostra de desprezo non estraña, pois durante toda a emisión un rótulo encargábase de lembrar a equivocada información. Cabe preguntarse que tipo de profesionais desenrolan estas labouras, pois a documentación é algo ao alcance de todo o mundo é parece imprescindible á hora de programar algo que verá moita xente. Con todo, despois deste imperdoable trago, aínda quedaba por ver o resultado “moderno” do pretendido traxe vigués, e aí directamente só couperon dúas opcións: apagar a tele polo pacífico método habitual, ou tirarlle un borralleiro á pantalla, ou mesmo calquera outro artiluxio pesado que se tivese a man. Porque abrirse as veas quizais fose excesivo, aínda que borrar esas imaxes da cabeza é probable que non se consiga en vida.
Non sorprende, despois de todo, tanto desleixo. Non somos un país que presuma do noso, precisamente. Temos habitualmente aos máximos representantes galegos falando en castelán e eliminando todo rastro autóctono cando veñen visitas doutros lugares, non se vaian sentir ofendidos se escoitan a língua de Rosalía por uns intres. Cada vez con máis frecuencia tamén, celebramos a “Feria de abril”, tan típica galega coma os touros e o puro no tendido de sombra. E por suposto, celébrase o Halloween, que iso do Samaín só é para adoutrinados do Bloque. O día menos pensado, nas verbenas deixarán de contratar á Panorama e quedaremos sen referentes galegos que exportar ao mundo. Non queira deus.
Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.