A pederastia é “hippie”. Por @DulceCorcu

É o que vén a dicir Joseph Ratzinger, ou o que é o mesmo, o Papa emérito Benedicto XVI. Porque non somos só os españois os que temos que soster realeza xubilada, na Igrexa tamén estrearon esta modalidade de poñer un xefe novo sen agardar a que morra o vello, coma se fixo toda a vida nesas alturas. Ratzinger acaba de escribir un documento para analizar as causas da pederastia no seo da Igrexa Católica, tan abundante como as margaridas en primaveira, e no que deduce que todo se debe ao descoque do Maio do 68, onde con tanta liberdade, hippismo e relaxadas leises, o de violar cativos foi algo normalizado. E claro, en vista de que os señores curas non eran castigados coa debida dureza porque todo era festa, pois reiteraban na pedofilia entendendo que era algo permitido e apropiado. Coma se nunha mente que non estea enferma poida caber que violar nenos é algo “apropiado” sexa no contexto que sexa.

Esa Revolución do 68 provocou o colapso espiritual e fixo que Dios se ausentase unha longa tempada, así que non houbo quen puxera orde nos seminarios nin nas sacristías, nin sequera a propia xerarquía eclesiástica, que contaxiada dos novos tempos non buscou o castigo divino, e preferíu agochar esas licenzas para non ser máis papistas que o Papa, nunca mellor dito. Que as violacións perduren tantos anos e estean tan extendidas, el achácao a que xa non queda moral nin farrapo de gaita, e a que xa non se distingue realmente entre o ben e o mal. Curiosamente, logo nos púlpitos iso si que o teñen ben claro e predican profusamente todo canto te pode levar ao inferno, incluída a inocente práctica sexual da masturbación, que vai con billete directo ao Purgatorio á espera de que quede oco libre no averno, masificado de onanistas que descoñecían ser pecadores en potencia. Na súa inmensa sabedoría, o que non di o Papa emérito é que facer para erradicar a pedofilia dos seus pastores, nin explica porque non se combateu nunca dende dentro, abusando dun poder que se lles entrega confiados na súa piedade e consideración.
Ratzinger relata os seus anos de seminario en Alemania, onde grupos de mozos tiñan algo así coma “clubes de homosexuais” e non se molestaban en disimulalo, polo que insinúa máis ou menos que fixeron caer na tentación a outros que quizais non eran do clube pero picóulles a curiosidade e bueno, en canto tiveron ocasión botaron man do que máis había, ousexa, raparigos. A ver quen era o guapiño que se resistía, sabendo as vareadas que lle ían caer por desobediente, por chistarlle a unha autoridade con sotana. E a ver tamén que pai ou nai ía crer que ese señor que viña ás vodas da familia e levaba o mellor touciño da matanza, andaba entre os calzóns do neno. Xente pouco revolucionaria que non se aventurou naquel Maio do 68, por iso nunca deron imaxinado tales perversións. Desgrazadamente, máis tarde, tiveron que sufrilas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

siete + ocho =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.