Feijoo o radical. Por @DulceCorcu

Supoño que de todas as cousas que leva escoitadas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sobre a súa persoa, a de “nacionalista radical”-coma da el en chamar moitas veces á xente do BNG- non era algo que fose pensar que alguén lle adxudicaría. Pero nestes tempos locos, onde todo é posible e rizar o rizo ata retorcelo algo habitual, o deputado de Ciudadanos, Juan Carlos Girauta, acaba de descobrirnos a un Feijoo radical en potencia, amigo de subversivos e que pelexa cada día para extinguir o castelán nesta terra de máis casteláns por metro cadrado que case Valladolid, grazas ao empeño entre outras cousas da Xunta de Galicia. Pero está claro que nunca chove a gusto de todos e todas.

Girauta é un home centrado que pode falar dende a súa extensa traxectoria política, pertencente no seu día ao Partido Socialista Catalán (PSC) e despois ao Partido Popular, cos que se presentou a diversas eleccións. Pero de todos é sabido que o PP en Catalunya non é que mande moito, polo que o inquedo Girauta, sen necesidade de mudar de ideoloxía, pedíu praza en Ciudadanos para ver se dunha vez pintaba algo en algunha parte. E agora que por fin ten un altoparlante en forma de escano e de conta de Twitter, anda erixido en salvador nacional, azoute de independentistas e en cambiar de opinión sempre que sexa preciso. Pois non fai falla remontarse unha eternidade para lembrar aqueles encendidos descursos onde el e o seu partido negaban apoio a Rajoy para saír investido novamente presidente do goberno español. O mesmo Girauta propoñía a Feijoo coma un relevo “honrado” ao que apoiar sen taparse o nariz. Foi en 2.016, pero o señor Girauta é un home sen complexos, coma o seu partido, capaz de dicirche á cara alegremente que o que onte era un político sen parangón hoxe é un inimigo público que nin o mesmísimo Gabriel Rufián.
Quizais, das cousas boas que teñamos os galegos e galegas, é que non adoitamos mesturar conceptos, e o que quere votar facha na nosa Comunidade, vota ao facha orixinal, prescindindo de sucedáneos, motivo polo cal Ciudadanos polo de agora nin pincha nin corta no panorama político nacional. Tamén ese é non outro ha de ser o motivo polo cal ven de pronto a Feijoo coma un cacique feudalista e, nun alarde de Doctor Jeckyll e Míster Hyde, tamén un perigoso nacionalista esquerdoso que fala galego todo o día e anda por aí restrinxindo o castelán, para que os pobres galegos sigan instalados nesa língua de aldea que tan paletos os fai parecer. Non se pode permitir. Xa non abondan os esforzos a brazo partido de Gloria Lago, que ela xa viña avisando que olliño con Feijoo, que non é quen parece. Menos mal que alguén en Madrid a deu escoitado e, por fin, virán a salvarnos para reconducirnos ao bo camiño, lonxe de Feijoo. Quen lle ía dicir ao presidente da Xunta que un día acabarían chamándolle bloqueiro. O que hai que oír!.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.