Euskadi en eleccións. Por @DulceCorcu

Estamos afeitos, moi especialmente dende o conflito catalán, a escoitar a todas horas iso de que “todo é España”, “todos somos españois” e sí, territorialmente somos, mais as diferenzas que nos separan, nalgúns casos, son tan abrumadoras que xa non é que parezan doutro país, senón doutro planeta. É o caso concreto de Euskadi, que nestas aínda recentísimas eleccións veñen de marcar case un fito histórico, deixando sen ningún tipo de representación á alianza de dereitas e extrema dereita de PP, Ciudadanos e VOX. Nin un triste escano. Absolutamente reducidos á nada, inédito en calquera outra Comunidade do Estado español.

Acostumados a autogobernarse, prestan oídos xordos aos cantos de serea do tremendismo español. Eles mellor que ninguén coñecen as súas necesidades e non regalan votos a promesas vacuas e simplonas que sí teñen poder de disuasión noutros lugares. Moito menos, a provocadores profesionais coma Albert Rivera ou Pablo Casado, que non tiveron pudor algún en montar o seu particular circo en Errenteria ou no bar Koxka de Alsasua. Quizais mediron mal as consecuencias de ir rescatar a quen non sentía necesidade algunha de ser rescatado, nin de ser tratados coma pequenos idiotas que descoñecen en mans de quen están. Sabedores das súas vantaxes, premian a gobernos que manteñen o Concerto Económico que lles permite autoxestionar os impostos recadados, e que son reinvertidos na cidadanía vasca. Un territorio onde a corrupción gubernamental é algo anecdótico, un verdadeiro “caso aillado”, que diría Rajoy. As prestacións sociais chegan a todo o mundo, e a Educación permite que se poida estudar en inmersión linguística en euskera ou no modelo que oferta a metade en euskera e a outra en castelán. A opción da inmersión é maioritaria, e iso permite á Língua propia manterse viva e coidada, coma un valor engadido ao resto de coñecementos. Este tipo de política económica e linguística é propia noutras Comunidades de gobernos de esquerda, pero en Euskadi goberna o PNV, de centrodereita e liberal, pero a anos luz do que en España se coñece neses termos. Históricamente tamén, non hai problema en formar gobernos de coalición, nin en entenderse con diferentes forzas sexan da ideoloxía que sexan: priman os intereses dos vascos e das vascas, non as liñas vermellas de teimas persoais e ansia de poder.
Orgullosos de seu, non aturaron unha campaña onde os insultos, as arbitrarias decisións xudiciais como a de Alsasua ou o desprezo de quen non sabe nin ubicar a vila vasca onde se atopa, varreron do seu mapa a fascistas e aprendices de fascistas. A vendedores de crecepelo e fume, aos que non dubidan sempre que teñen ocasión en lembrarlles un pasado sanguento sen máis afán que sacar rédito, que humillar e desprezar. Comprobóuno en carne propia Javier Maroto, candidato do PP, que se fartou de implorar para non perder o seu escano por Araba, e que para conservalo tildou de “escoria” nun debate a Iñaki Ruiz de Pinedo, candidato de EHBildu que, á sazón, foi o beneficiario do escano perdido polo locuaz Maroto e que ademais duplicaron representación. Aínda non aprenderon que Euskadi si é España…pero que España nunca será Euskadi. Polo menos, mentres siga habendo eleccións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ocho − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.