Hai liortas polo Pazo de San Marcos

Por Xosé Edrosa Leal

 Para a elección de candidatos, o PSG seméllase cada vez máis ao Vaticano: para a elección de Papa, se entras papable, o máis normal é que saias cardeal. Algo así lle pode suceder a Darío Campos, a maioría dos concelleiros, incluso militantes e votantes opinan que debe ser el o próximo presidente da Deputación Provincial de Lugo, mais, seguendo a regra vaticana, pode sair como entrou, ou sexa, alcalde de A Pontenova. Xa temos o recente precedente no caso de Sonsoles López Izquierdo, á que os militantes elixiron en primarias para liderar a lista por Lugo para o Congreso dos Deputados, e sen mediar motivo nin razón confesables, meteron no seu lugar á perdedora. Grazas que a Sonsoles ía de segunda, tocoulle a pedrea e saíu deputada. Cousas que pasan!

No caso da Deputación pode pasar o mesmo, pois o outro aspirante, o señor Tomé, quen nun primeiro intre, nun xesto xeneroso e espontáneo, dixo que renunciaba á súa parte no Pazo de San Marcos, que tiña dabondo con ser alcalde de Monforte; logo, aconsellouse cos seus,e agora non só non renuncia á súa parte,senón que reclama a mellora, seica por ter máis merecementos có da Pontenova, pois segundo el é moito máis querido e achegado aos mandantes de Santiago e Ferraz, e iso conta moito á hora de repartir os bens, e o que digan os militantes e os votantes conta pouco. E aquilo de estar ás verdes e ás maduras, mérito alegado polos defensores do da Pontenova, din que xa non puntúa, pois hai algún que a súa dentamia só serve para as maduras, as verdes e duras fanlle denteira. Mais para roer as verdes e duras, bailar coa menos agraciada e sufrir as cambadelas dos da casa  e dos de fóra, xa atoparemos a un Darío desinteresado e disposto.

Mala condición a dos xefes que fomentan e practican este tipo de cousas, pois periga a que os militantes, tarde ou cedo, cansen, e logo teñan que vir o xefes facer o traballo; e se hai lume, apagalo.

Mais isto pasa, segundo din os que saben destas cousas, porque Álvaro Santos( que é quen manda por lexítimo dereito en Lugo), home traballador e honrado, pero que non tén a autoridade necesaria para facer valer o que aquí se acorda e queren os militantes. E se hai primarias, que é a democracia interna máis directa que poden  exercer os militantes, o resultado debe ir á misa. Pois o contrario, sería un simulacro e unha tomadura de pelo aos militantes e cidadáns.

  Segundo a miña modesta opinión, estas  manobras, voltas e reviravoltas, prodúcense porque  os da rosa vermella en Lugo non seguen os ditados impostos pola razón do poder, senón polo seu corazón. E o que non debe esquecer ningún pretendente é que as deputacións, sobre todo as de Lugo (que foi) e Ourense(que aínda é) a encarnación mesma do poder, senón como se explicarían as dinastías impostas polo cacharrismo e baltarismo? Esta lección sábea o novo secretario xeral cos ollos pechados.

  Dicíame un vello socialista que peitea moitas canas; a eses que acudes na percura dunha opinión sensata. Cando lle pregunto polo novo secretario xeral do PSG, dime: polo que vexo aínda non tén asumido que para ser secretario xeral de todos os socialistas galegos, ademais das dotes para exercer este cargo, tamén debe reunir unhas condicións éticas e morais axeitadas a el. E engádolle eu se ese comportamento teimoso non serán reminiscencias do tempo que andou en liortas co seu tio Abel. Confeso que cando os vin xuntos pola comenencia, enchéronseme os ollos de bágoas.

De todos os xeitos, convén lembrarlles a estes novos xefes, que poñan sentidiño, que os votos son prestados e a cousa pode torcer cando menos agardas. E a autoridade hai que gañala e administrala con moita prudencia e sabeduría. Por iso, resulta oportuno pechar este artigo con aquela máxima de José G. Artigas “Mi autoridad emana de vosotros y cesa ella ante vuestra presencia soberana”.

Un comentario

  • María Esther

    Parece que no PSG-PSOE xa esqueceron que o Sr. Sánchez, hoxe no cumio do seu partido o conseguiu, non co apoio do aparato, senón porque as bases depositaron a súa confianza nel. E o señor Caballero tamén lidera aos socialistas galegos por elección dos militantes. Pero na Deputación de Lugo queren apartar ao equipo liderado por Darío Campos, despois dunha etapa dura e chea de atrancos propiciados por propios e alleos. Cando o traballo realizado empezaba a agromar, vén o señor Caballero, coma unha xeada a destempo, murchar o froito antes de poder medrar. Non se esqueza o señor, que moitos dos votos desta provincia son prestados, de xente que vía axeitados os proxectos postos en marcha. Pode lograr a gloria durante catro anos, pero logo é doado lle espere aquí unha longa travesía no deserto da oposición, para gloria a prace do PP. Vostede verá! Mais non se esqueza desta frase:” Roma no paga a traidores”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.