Entrevista cos vampiros. Por Xabier González

@xabiergzalez

“..¡Ai! ¡como à tua mamiña

ti, Virgiña, agarimabas

o añiño d’o pequeno

que n’o dediño chuchaba!

Salón privado nun dos restaurantes que teñen chef, xefe de comedor, estrelas Michelín, soles Repsol, pratos de deseño de corenta centímetros e carta con nomes delicadamente enrevesados que, a miúdo, son máis grandes que a combinación de minúsculos manxares de procedencia “de aquí” -aínda que o “aquí” nunca se saiba exactamente onde está-,  cociñados con calquera proceso que non inclúa o lume e servidos cunha marabillosa “vestimenta” xardineira.  Tod@s  @s presentes aparcaron un “altagama” no discreto aparcadoiro; sen excepcións, veranean en lugares que teñen topónimo castelán en desuso e van a perruquerías Álvarez de Toledo excrusivas nas que está vetada, terminantemente, a entrada a  mileuristas “de merda”.

Ainda que sexan case vinte, son o G-7 Galaico. Reuníronse aquí porque nun  Furancho teñen que compartir espazo coa  plebe da que se alimentan e, quéiralo ou non, a  EtnoGastronomía é perniciosa para a dieta de  egolatría na que é imprescindible que o menú do día non baixe dos cento  cicuenta “pavos” por cabeza e, ao atravesar a porta de saída, prime máis a “gusa” que o ter  yantado “como  Galeg@s”.

Sentad@s á mesa, repítese o ritual de sempre (que berran en Castelán e que, por respeto a vostedes, traducín o Galego)…

– Quen somos?

– @s Vampir@s!

– Que facemos?

– Chuchar sangue!

– De quen?

– ….

O incómodo silenzo dos vasos baleiros imponse, hai que reflexionar a resposta!.

O certo é que @s “reunid@s” case exterminaron á clase media; que pola súa culpa autónomos e comerciantes andan fronteirizos da anemia absoluta e a maioría das PEMES sobreviven máis por inercia que por futuro…  Chucha-lo sangue entre Vampir@s tampouco é que sexa unha solución aceptable porque, a hora da verdade, na mesa non hai  voluntari@s para as “sangrías”…

Na despensa non gardan xamón nin viño pero quedan Xoán e Xiana… traballadores por conta allea con contratos precarios e, tamén, os centos de miles que son como eles. É certo que as súas condicións de vida son duras, pero non é menos certo que demostraron unha capacidade extraordinaria de supervivencia. Ademais teñen sangue “traballado” de sol a sol e sen escatimar esforzos para chegar a fin de mes; coa vantaxe de que  @s  adult@s teñen de media dez  “pintas” –si, así como leno, en linguaxe cervexeira, que virían ser uns cinco litros-  de sangue no seu corpo.

A mera hipotese de ter que chuchar sangue dos “máis menos” convoca reaccións diversas.  Nalgunhas facianas d@s presentes debúxase unha esperanza, noutras unha certa ilusión devotamente resignada; pero tamén as hai que non disimulan un obsceno  rictus dese noxo vital que fai de prólogo á  naúsea.

O VAMPIRO BANCA “COMO DEUS MANDA, coa complicidade da inmensa maioría da clase política, exterminou aos morcegos e morceguiños autóctonos que, aínda que fóra en precario e coas súas “cousas”, conformaban o tecido bancario propio da Galicia. E non mellorou nada para o pobo traballador ou pensionista –nin para autónomos, comerciantes ou PEMES-, que ven como teñen que pagar –se botamos ben as contas-, non menos de 100 € ao ano, por ter aforros ou facer longas colas para que logo mándeno ao caixeiro. E o diñeiro aforrado pol@s  Galeg@s e os beneficios que xera? Pois miren, ben “colocado” está en Santander, Madrid, Catalunya ou Euskadi… que Galicia é mellor que se manteña verde e  impoluta, sen contaminación e sen abandonar os seus lendarios costumes de emigrar e traballar onde poida… Por certo coñecen  Vds. a algún modesto  autonomo ou PEME que rescatasen con fondos públicos que non ten que devolver nin pagar intereses?. Como en Sodoma; se coñece a un, eu comprométome a pedir perdón publicamente.

VAMPIRO GRAN EMPRESA asente coa cabeza, entusiásmelle a idea de que Galicia permaneza tal e como a foron deseñado ao longo de décadas. É a aristocracia de vellos e novos ricos que  expolían os recursos da nosa terra, os que entregaron por negocio puro e duro os nosos recursos naturais –augas, ventos e todo o que a vostedes ocórraselles que ten ou produce ou é factible de explotar en Galicia-  aos mesmos de sempre: Madrid, Catalunya ou Euskadi…  Outrosí digo: coñecen  Vds. a algunha gran empresa que non se beneficie a fondo perdido de inxentes axudas gobernamentais –dinerarias ou froito do tráfico de influencias-? Como en Gomorra; se coñece a un, eu comprométome a pedir perdón publicamente.

Ao fondo, ocupando cadeiras á dereita e á esquerda, os VAMPIROS INSTITUCIONAIS –e os seus  aúlicos asesores de confianza- toman aplicada nota para seguir rodeando aos anteriores dun convinte armazón legal para manterlles no seu  status  quo,  aparentando que é en beneficio do pobo. En realidade son Vampiros de segunda categoría ao servizo dos dous anteriores –e dalgúns máis que, disfrazados con hábito ou uniforme, chupan desde esmolas ata subvencións ou exención de  IBIS,  IVAS e outros impostos-.  Son gardiáns do Arca da Alianza,  querubines e  querubinas que viven segundo o servilismo que son capaces de demostrar ás castes que mandan de verdade; quizais por iso é normal velos desprazarse en coches oficiais e con escolta, ou “vivir” nun Parlamento  Galego rodeado dunha muralla de ferros afiados, deseñada  para evitar que “entren” eses “de fóra” que, en boa lóxica, deberían ser os donos.

Mentres, Xoán e Xiana e os centos de miles que son como eles, padecen unha anemia terrible sen apenas ser conscientes.

Case todos os días danse conta do inxusta que é a existencia que lles toca vivir. Axeonllados e atados no laboral por contratos precarios para eles e, en moitos casos, enormente  onerosos para PEMES ou Autónomos dos que son asalariados. Coa debilidade, o cansazo prolongado e a  palidez de quen  malvive para traballar; coas dores de cabeza, problemas de concentración e mareos ao erguerse cada mañá, que provocan o non saber se o pouco que teñen sucumbirá, ou non, ao tan temido “non ter nada”. Suxeitos pasivos da tensión social, para manter o tipo, e da laboral para conservar o traballo; amén da tensión económica que xera manter, mes a mes, condicións  dinerarias mínimas para ter vivenda, pagar máis cara que noutras partes a electricidade ou o combustible.

Esta anemia, que ten moito de metáfora, fai que as uñas tornen quebradizas e os dentes aséntense inseguros nas enxivas; sen uñas e dentes fortes, protestar ou rebelarse ten moito de tarefa imposible. Deixarse morrer tampouco é a solución, pero nestes tempos chega un a pensar que é o único que pode xestionar con libre albedrío.

NON CABE DÚBIDA, a anemia individual –e mesmo social ou colectiva- é a resposta á tensión existencial ao que nos vemos sometidos os que, dunha maneira ou outra, somos  estatisticamente “sangue para alimentar aos Vampiros”. Chega un momento no que –di un experto na materia-, por mera supervivencia precaria, o noso corpo suprime a resposta ás hormonas da tensión, como o  cortisol, se enferma e esgótase. E con cada individuo que se volve  anémico, máis posibilidades temos que á nosa sociedade acabe pasándolle o mesmo e deixe de ser sostible incluso para Vampiros e Vampiresas.

Pero estamos de sorte, lin por algunha parte que a comunidade científica ten descoberto que un neuromodulador pouco comprendido, a  nociceptina, axexa detrás deste ciclo de desmotivación anémica que padecemos os que non somos vampiros. Iso dáme esperanzas porque pronto haberá no mercado unha píldora miragrosa para que xamais nos invada a anemia da desmotivación e logremos, co simple acto de inxerila, acceder ao Nirvana de ter a enganosa e pracenteira sensación de que todo o que nos pasa é marabilloso, gústanos e comprace ata tal extremo de que doar sangue aos Vampiros sexa algo  orgásmico, un xeito de plenitude –entre cóncava e convexa- a que non estamos dispostos a renunciar  aida que niso nos vaia a vida. É a nova xeira que se nos vén encima, con novos vellos absurdos individuais e colectivos que, como dogmas subconscentes e quimicamente inducidos, lévennos a aceptar sumisamente que “doar” sangue aos Vampiros e traballar arreo deixou definitivamente de ser un mero intercambio de tempo por diñeiro para converterse no obxectivo absoluto e abenzoado dos nosos curtos ciclos de vida.

Aínda estamos a tempo de evitalo? Igual é necesario arrepiarnos de verdade imaxinando unha realidade na que, individual e socialmente, o “ben visto” sexa traballar ata  extenuación, sen pausa e con presa, caladiños e sumisos, doando cada día o noso sangue @s  Vampir@s e drogarse  para sentir que nos gusta o que facemos.

E a entrevista cos Vampiros?  Outro día será, Tom Cruise e Brad PittA andan moi ocupados…

© Xabier González,2019

opinion@xabier.gal

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.