Os outros mártires II. Corenta e tres anos facendo galeguismo dende un psiquiátrico

Por Xosé Edrosa Leal

Presidente do Ateneo Galeguista

Terra Cha                                                             

O pasado  dezasete de agosto “Día da Galiza Mártir” publicaba un artigo neste mesmo medio, elixindo a tres persoeiros que figuran na historia e na memoria de todos nós como mártires que foron pola causa galeguista e da liberdade e, polo tanto, representativos da barbarie daqueles días aciagos, de odio e de venganza, protagonizada por aqueles golpistas facinerosos contra o goberno lexítimos da Segunda República española.

Cando falamos, pois, da Galiza mártir, non só debemos referirnos (que tamén e de xeito especial) a aqueles que tiveron un destino tráxico nas súas vidas, enfrontándose a unha morte cruel e inxusta, senón tamén a aquel outro éxodo de xentes honestas perseguidas e marxinadas na procura de poder exercer os seus dereitos fundamentais, inherentes a toda condición humana, como é o poder pensar e expresarse libremente, feito que transcende a aqueles días lutuosos da nosa historia. Se tivera que elixir, pois, entre os milleiros de mártires que sufriron persecución e marxinación por causa dos seus ideais, Antón Moreda (San Miguel de Reinante-Barreiros, 1934; Castro de Ribeiras de Lea, Castro de Rei (Lugo), 2010) ocuparía un lugar salientable.

  Antón Moreda foi unha figura sobranceira na loita clandestina do galeguismo militante e comprometido, na súa meirande parte nas duras e difíciles condicións como interno no hospital psiquiátrico”San Rafael” de Castro de Ribeiras de Lea, centro no que nalgún tempo ténse aplicado o temeroso electroshock como método terapéutico. Malia a elo, Moreda nunca renunciou á súa loita polo ideal galeguista, feito que compatibilizou coa reivindicación da necesaría dignificación dos doentes mentais. O seu afán de superación non esmoreceu entre aqueles muros humidecidos, estudou dereito na modalidade senior na USC, feito que compatibilizou con traballos de investigación sobre o galeguismo. Cando se produce o seu pasamento estaba a piques de rematar unha tese sobre o Consello de Galiza, coordinada segundo teño entendido polo catedrático de Historía Contemporánea da Universidade de Santiago, Justo Beramendi. Descoñezo o paradoiro daquel traballo. Estes méritos académicos excepcionais  na persoa de Moreda, non serían posibles sen a axuda e especial sensibilidade do profesorado da USC, feito que el sempre recoñeceu.

  Xa o teño dito noutras publicacións, Antón Moreda foi unha excepción no hospital “San Rafael”, pois non sen dificultades e perseverancia na loita, gañou un status recoñecido no propio centro, cousa nada doada nalgún tempo. A biblioteca era o seu lugar de traballo, utilizando dende moi cedo as novas tecnoloxías.

  A miña relación con Moreda vén de lonxe, por razóns de amizade e veciñanza, tamén por  compartirmos proxectos e inquedanzas múltiples, algunhas dende  o Ateneo Galeguista que ambos fundamos; xuntos compartimos funcións, el dende a presidencia de honra e eu da  entidade. Coma moitos outros mozos e mozas, as miñas visitas ao mestre no San Rafael eran frecuentes, pois era unha especie de enciclopedia vivente que nos enchía aos seus correlixionarios máis novos da súa experiencia ilustrada, unha maneira de cargar as pilas de enerxía para o impulso das nosas inquedanzas nacionalistas e galeguistas.

  Cando agora baixo pola Costamoura cara á vila de Castro (lugar do H. San Rafael), aínda me semella ver a Antón pola beirarrúa a tomar o acostumado café a algún dos locais da vila; o seu rostro magro, o corpo quixotesco, as falas mainas e suasivas, como así o tén definido X.L. Méndez Ferrín. É a señardade do amigo que se foi silandeiro, case sen decatarnos, a descansar da longa xeira na loita do ideal soñado. Así era Antón Moreda, mais na sua faciana tamén podiamos ver as pegadas do seu sufrimento, das decepcións e deslealdades vividas.

Unhas pinceladas pola historia deste persoeiro

Orfo de pai, coma moitos outros mozos e mozas daquela época, con só 16 anos emigra a Bos Aires, reclamado por un curmán da súa nai, ao que sempre lle chamaría tío. Na Arxentina a vida era totalmente distinta á que levara en San Miguel de Reinante, pois había que traballar arreo, e os xogos da nenez e da infancia pasarán á historia, tén comentado. Mais no ano 1953, sucedeulle ao xoven mariñán un feito que el mesmo tén calificado de importantísimo, o que dalgún xeito ía marcar a súa vida: coñece ao señor Ares, bibliotecario do Centro Galego de Bos Aires, o que no seu día fora membro das Irmandades da Fala de Betanzos, da Sociedade Nacionalista Pondal, e naquel intre era un dos principais dirixentes da Irmandade Galega, unha especie de Partido Galeguista no exilio. Toda unha bagaxe de compromiso coa terra. A través deste bibliotecario, Antón coñece a moitos mozos e mozas da terra, entre os que figuraban Adelina González Doval, Francisco Cupeiro, Manoel Baladrón, Ricardo López, Manuel Somoza, Xosé Neira Vilas, Carlos e Tito Abraira, Xosé Castro, Xosé Casal, Amador Rivas, Armando Mato, Pilara Jeremias, Clotilde Igrexas, María do Pilar Ares, Emilio Adolfo Pita, Denis e Cilistro Conles Tizado, Vidal Pérez Graña e Antón Santamariña, entre outros e outras, cos que logo  fundarían as Mocedades Galeguistas de Bos Aires, organización xuvenil que dependía da Irmandade Galega e que asumía a autoridade do Consello de Galiza (o que viña a representar o Goberno Galego no exilio).

  O obxectivo principal das Mocedades Galeguistas era “… cultivar os valores nacionais galegos e espallar o seu coñecemento por todos os medios que estean ao alcance da entidade”, así como apoiar “… todo movemento tendente a obter a liberdade e o exercicio do dereito de autodeterminación da Nación Galega”.

  Cando Moreda se refería a aquelas mozas e mozos, para el eran os seus irmáns; unha familia que a pesar dos anos seguía estando viva na  súa  lembranza e no corazón. Así mo deixou expresado nun documento autobiográfico pouco antes do seu pasamento.

Foto Xurxo Lobato, do libro “Antón Moreda, memoria do exilio” de Antón Santos/Uxio Breogán

Naquela  forxa do galeguismo do exilio e do desterro,  aquel  xove de Reinante vai fraguando o seu ideal galeguista, formándose e participando en múltiples actividades que alí se desenvolvían. Participa no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires no ano 1956, como delegado das Mocedades Galeguistas, entidade que participa moi activamente nos labores de organización daquel evento, promovido polo Consello de Galiza, conmemorando o centenario do Banquete de Conxo. A aquel congreso acoden representantes de todo América; Moreda salienta de xeito especial a presencia de Xosé Velo Mosquera, antigo secretario da Federación das Mocedades Galeguistas da terra e logo das de América, o que tamén participa na organización do D.R.I.L. (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) que realizara o asalto ao trasatlántico Santa María como protesta da situación que estaba a vivir a península baixo as ditaduras de Franco e Salazar. Alí o xove Moreda toma conciencia dalgún xeito da situación real na que se atopa a emigración galega nos seus distintos aspectos, tamén da decadencia e falla de unidade dos exiliados, feito que se puxo de manifesto naquel Congreso, situación que o leva a tomar conciencia de que o seu porvir xa non estaba en América, senón na propia terra, idea que vai madurando ata 1960 que retorna a Galiza, sendo aínda secretario xeral das Mocedades Galeguistas e Pilara Jeremias de Cultura.

A Pilara tiven a oportunidade de coñecela fai algúns anos nun acto de homenaxe que lle fixeramos a Antón Moreda en Santiago. Alí comprobei a verdade da súa irmandade galeguista.

  Cando Moreda regresa a Galiza, no seu fardelo traía as indicacións, contactos,etc. que lle fixera Luís Seoane; neste senso contacta co grupo “Brais Pinto” o que dalgún xeito dirixía Seoane dende Bos Aires. Daquel grupo formaban parte Raimundo Patiño, Cesar Arias, Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Herminio Barreiro, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro e X.L. Méndez Ferrín.

A Ferrín non se lle esquece a xuntanza que tiveron con Moreda na taberna “La Región Gallega”, sita na rúa Noviciado de Madrid: “ Ali Moreda fixo un detallado informe da situación do nacionalismo en Bos Aires, referíndose ao  Consello de Galiza, á Irmandade Galega e ás Mocedades Galeguistas. Coido que foi entón cando lle sentin pronunciar por primeira vez as palabras “militancia” e “militante”.

“O que dominaba daquela no universo galeguista era a liña de Ramón Piñeiro que se resistía á organización política e non falaba de Galiza como nación con dereito a se autodeterminar” .

Moreda salienta a coincidencia básica nos plantexamentos entre aquel grupo e os formados na emigración de Bos aires.

  O obxectivo de Moreda non era outro que o de organizar  o galeguismo do interior, contactando preferentemente coa xente máis nova para fundar unha organización política galeguista; para elo tentou e, dalgún xeito logrou, introducir unha nova dialéctica consonte  á utilizada polo galeguismo do exterior . Aquel  proxecto foi  bautizado en clave co nome de”Operación Paloma Mensajera”, empresa nada doada, unida ao risco que supoñía aquela acción clandestina, ademáis do feito de que estas ideas ían en contra da liña maioritaria ostentada polo piñeirismo,  que era como xa se dixo a de non facer política, senón cultura galeguista, básicamente a través da Editorial Galaxia, na que Moreda entrara a traballar como comercial.

Aqueles contactos e conversas culminan coa fundación que leva o nome provisional de Consello da Mocidade, do que Moreda foi elixido secretario xeral. O labor político de Moreda na procura dos seus obxectivos atopa todo tipo de atrancos por parte dos piñeiristas e do propio Ramón Piñeiro co que tén máis dun enfrontamento, feito que motiva deixar de traballar   en Galaxia. Había que cortarlle dalgún xeito as ás á “pomba mensaxeira”. E así comezan as purgas, os membros do piñeirismo no Consello da Mocidade rebélanse facendo unha feroz campaña contra as teses de Moreda e dos que non eran da súa corda, tachándoos de antieuropeos, terceirmundistas, comunistas, etc. Que pouco se diferenciaba daquel outro famoso método utilizado para desprestixiar ao adversaio, baixo a formula do “contubernio judeo-masónico”!

Volvo ás palabras de Ferrín , un dos protagonistas cualificados daquela historia,  cando aclara con toda precisión: “ Moreda non era comunista, senón só un patriota. Non se uniu á UPG. Desconcertado pola violencia da purga e doído no fondo  da alma entrou en crise profunda. “ Sí, aquela crise levou a aquel irmán galeguista a un psiquiátrico corenta e tres anos, o resto da súa vida. Esta é unha parte do drama do galeguismo que tamén cómpre contar, vivido e padecido por unha persoa  que puido ser a clave naquel íntre tan importante para o futuro do galeguismo. Aquela opción de pensamento que mellor interpretou o sentir de Galiza como pobo, reivindicando o seu recoñecemento e a súa dignidade, como non se tiña feito ata entón. Imaxinemos a Galiza sen aquel plantel  de xentes: non sería Galiza. Cecáis outra cousa, un pobo sen alma, aínda que esta alma  non chegou ao corazón nin ao pensamento da maioría das políticas e  políticos desta terra, por moito que lozan as súas roupaxes e símbolos en sinalados días de festa, e aí remata o seu galeguismo. Por iso, a figura de Antón Moreda resulta clave para entender a historia do galeguismo. Mentres os ascetas que todo o entenden, instalados na teoría e non nos feitos, seguen cavilando porqué en Galiza tendo a súa propia identidade, incluso máis acusada cás outras dúas nacións (perdón, nacionalidades) coas que un día fundamos “ Galeuzca “  non se dea esa mesma condición, tamén no seu meirande desenrolo económico. Hai quen xustifica este feito de debilidade, a que neste país non houbo no seu momento (nin agora o hai) unha burguesía empresarial con conciencia de país, que impulsara políticas pegadas á terra, feito que se reflicte, ademáis, no eido da nosa soberanía económica e na propia autoestima como galegos. E pregunto eu, para non entrar en disquisicións estériles: unha cousa non  puido traer á outra, e as dúas formar parte dun todo?

A importancia do papel  xogado por Moreda dentro do galeguismo real radica, pois, no que supuxo de confrontación aquí na terra o que eran os obxectivos propostos polo galeguismo do exterior ( no que se atopaban os principais dirixentes que xogaran un papel máis salientabel e comprometido dende a fundación do Partido Galeguista en 1931) e o galeguismo do interior, liderado básicamente por Ramón Piñeiro, o que despois da súa saída do cárcere queda reducido á vía culturalista, cando as dúas opcións deberían ser compatibles na medida das posibilidades nas que se podía exercer a actividade política, tal como o teñen feito outras forzas políticas, en concreto o nacinalismo vasco e catalán.

A partir daquela deriva, agás o nacionalismo de esquerdas que asume outras teses, aquela opción ampla e integradora que representaba o Partido Galeguista queda reducida a unha especie de galeguismo neutro que vai elaborando e acomodando o seu propio discurso de autocomplacencia, discurso asumido, incluso polas élites acomodadas máis ilustradas. Moreda era, sen dúbida, a antítese deste tipo de galeguismo, feito polo que cando se fala do galeguismo real, resulta obrigado ter en conta a testemuña  deste galeguista ilustrado e comprometido, o que, malia ás difíciles condicións da súa vida, o seu ideal nunca esmoreceu.

  Seguramente algún día os historiadores deixarán de citar a Moreda de esguello ao pé  de páxina, e colocarano na centralidade da historia do galeguismo como é merecente.

Mais non se trata só de facer invocacións a tempos pretéritos desconectados da realidade, xa  que moitos dos problemas de hoxe teñen a súa orixe nos feitos dos que estamos a falar. Un bo exemplo delo témolo á vista dos grandes debates políticos a nivel do Estado, nos que Galiza e os nosos intereses non están presentes, pois os nosos representantes dos grupos maioritarios andan silandeiros nas súas cousas, paseando a súa mudez pola vila de Madrid. Mentres,  aquí, na vella  Galiza escoitamos os laios clamorosos do señor Feijóo, reclamando no deserto os setecentos millóns da esquilma do Ministerio de Facenda, e que a señora Montero tén agochados no seu fielato . Non sei se algún día nós, as galegas e galegos, nos decataremos que os nosos votos non teñen o mesmo valor cós de outros lugares de España. Mais si sei, que si o señor Feijóo, máis aló de locer na súa solapa a insignia do Partido Galeguista e participar en homenaxes a galeguistas sobranceiros, inspirara co mesmo entusiasmo as súas políticas económicas e tributarias nos ideais que xa plantexaba aló polos anos trinta do século pasado Alexandre Bóveda e que tiña asumido o Partido Galeguista, outro galo nos cantaría.

E de nada serven os brindis ao sol que fai o noso presidente sobre a non alineación coas teses que está levando a termo o xefe do seu partido, pactando coa dereita máis extrema e rancia que creiamos superada, pois ao final esa dereita vai ser a que lle vai impór a vostede señor Feijóo e, se non o remediamos, tamén ás galegas e galegos, as condicións do noso futuro. Exemplos temos dabondo. Pois unha cousa son os símbolos e os xestos, e outra moi distinta o que se fai.

E mentres isto sucede, xa se escoitan voces de  galeguistas instalados na complacencia, facendo definicións estrafalarias como que o galeguismo e o que representou, tamén os mártires, xa forman parte do patrimonio inmaterial de todos os galegos e galegas, pensen como pensen e actúen como actúen. Que  dirían Antón Moreda e os outros  mártires inmolados na causa galeguista? Seguramente que para esta viaxe non era necesario tanto sacrificio. Esta tese está emparentada coa aquelas outras teorías practicadas polo piñeirismo e que tan eficaces foron para o baleirado de contido real dos principios e valores do pensamento galeguista, e así chegamos a onde estamos.

A derradeira lección do mestre

Non quero deixar pasar esta ocasión sen lembrar a derradeira entrevista, feita pola xornalista Cristina Arias a Antón Moreda, publicada a dobre páxina na sección de A Chaira do xornal El Progreso do 2 de decembro de 2009. Unha gran entrevista tanto nos seus contidos como no significado político dos seus razoamentos. Descoñezo se a xove xornalista era consciente de que aquela ía ser a derradeira lección de Antón Moreda e o peche do seu cíclo histórico.

  Naquela entrevista, Moreda fai un percorrido polos camiños pedregosos da súa vida e da propia historia do galeguismo, deixando algunhas mensaxes que non deberiamos esquecer.

Como cuestión previa cómpre dicir que Antón Moreda foi sempre fiel ás siglas do Partido Galeguista, do que era militante e co que colaboraba na medida das súas posibilidades; sen que esta pertenza partidaria ou, en calquera caso, simbólica, acoutara a súa influencia, compromiso e recoñecemento no ámbito do nacionalismo en xeral, pois non debemos  esquecer que de aquel fermento que  axudou  a amasar este mariñán aló polos anos sesenta do século pasado, saíron as distintas fornadas do galeguismo e do nacionalismo de esquerdas, así era recoñecido polos distintos sectores aínda que foran diverxentes entre sí. Este feito debería ser un punto de encontro entre galeguistas e nacionalistas espallados en pequenos reinos de taifas, un acicate para a reconstrución da casa común que con tanto sacrificio proxectaron e levantaron os nosos devanceiros.

Hai que dicir que na data daquela entrevista, o PG atravesaba por unha conxuntura moi peculiar (non superada ao día de hoxe), feito que a Moreda non lle pasaba desapercibida, non precisamente para a súa satisfacción, motivo polo que fai algunhas observacións que van por este iter:  sobre a pregunta “ Que queda do galeguismo que vostede viviu en Bos Aires?”  Moreda contesta referíndose a moitos que coma el  regresaron do desterro e que seguen sendo galeguistas  “… Seguemos tendo ideais e conseguimos enraizalos de volta. Pero falta  moita formación galeguista. Hai algo de historia, saben que vimos das Irmandades da Fala, pero non hai asumida unha conciencia galega. Cos anos a sociedade terminará esmagando o galeguismo. Hoxe hai que diferenciar un galeguismo o que sente ese amor incondicional por Galicia, os que nacimos nela, loitamos por ela e morremos nela. E outro, o político, que é a reconstitución do Partido Galeguista, no que hai de todo”.

  Sobre o futuro do nacionalismo, expresa: “ Para min está condicionado pola actuación do actual PG que pide o voto a xente de clase media, pero ás veces esquécese de que o nacionalismo galego é de esquerdas”.

  Entre moitas outras, Cristina Arias faille a seguinte pregunta: Pese ao seu traballo polo galeguismo é alguén descoñecido para moita xente. Cree que a historia non lle deu o seu lugar? A.M. “ O Partido Galeguista tén que tomar cartas non soamente na miña actuación, senón tamén ter en conta a moitos que loitaron polo galeguismo mentras eles estudaban ou traballaban, a obriga  actual do partido, que está bastante moderado, é non esquecerse de xente como Alonso Ríos, Anxel Fole e moitos outros que levaron o galeguismo ao último extremo”.´

É lóxica a mención que fai Moreda a Alonso Ríos e Ánxel Fole, cos que tivo relación e moita consideración, con Fole aquí na terra e con Alonso Ríos en Bos Aires, coincidindo coa etapa en que Alonso Ríos ocupaba a presidencia do Consello de Galiza, cargo que asume despois da morte de Castelao,  que se producía o 7 de xaneiro de 1950, ata daquela xa viña desempeñando o cargo  de secretario do Consello. Moreda chega a Bos Aires dous meses despois do pasamento prematuro do rianxeiro, un momento de enorme conmoción e baleiro dentro da familia galeguista, pois con Castelao desaparecía a figura máis representativa da súa causa.

Alonso Ríos foi dende os seus primeiros tempos un destacada agrarista e galeguista que emigra moi novo para a Arxentina, mais non por elo esmorece o seu compromiso coa terra, pois é un dos coofundadores da Federación de Sociedades Galegas (FSG), unha entidade eminentemente política e cun fondo compromiso e ligazón da emigración  co acontecer histórico de Galiza. Froito daquel compromiso, a principios dos anos trinta, xunto co Suárez Picallo, Alonso Ríos regresa a Galiza en representación da FSG para defender a causa galeguista e o proxecto de Estatuto de Autonomía, dentro da ORGA (Federación Republicana Galega Autónoma), liderada por Casares Quiroga, co que axiña vai ter notorias discrepancias por mor das diferencias entre o propio Casares e a FSG que mantiña uns postulados moito máis ambiciosos para Galiza, feito que lles vai suceder a moitos outros galeguistas que se senten defraudados nas súas pretensións, abandoando a ORGA para crear o Partido Galeguista. Nas eleccións celebradas en febrero de 1936  sae elixido deputado ás Cortes por Pontevedra na candidatura da Fronte Popular. Despois do golpe militar do 18 de xullo  do mesmo ano, pasou varios anos escondido na clandestinidade en Galiza, co nome ficticio de Afranio de Amaral, adicándose para poder sobrevivir a distintas actividades, entre elas a “ criado” e, incluso, pedindo esmola; logra pasar a Portugal e de aí a Marrocos, de onde fuxe á Arxentina. De novo en Bos Aires, país que para os galeguistas significaba a “Galiza ideal” , pois ao  revés do que ocurría na Galiza real, alí podíase soñar e expresar libremente o soñado, segue desenvolvendo unha intensa actividade política dentro do galeguismo militante do desterro, especialmente dende o Consello de Galiza.

No tocante ao Consello de Galiza, institución que representaba e simbolizaba a lexitimidade do Goberno galego no exilio, institución que sempre foi vista con recelo dende o piñeirismo.

Non foi así no caso  de Catalunya e Euskadi, que unha vez chegada a hora da transición estaban organizados para reanudar o tracto sucesivo das súas institucións, con liderados asumidos polas respectivas sociedades. En cambio en Galiza por mor da deriva do galeguismo do interior, reducido ás teses do culturalismo, non contaba co seu campo preparado para asumir aquel feito histórico de enorme significado e transcendencia. Velaí a diferencia das outras dúas nacionalidades irmáns na “ Galeuzca “. Logo chegaron as aldraxes ás que se viu sometida Galiza .Outra eiva na nosa historia.

Cónstame que Moreda era moi consciente desta realidade, pois moitas veces temos falado deste feito, de aí a importancia da súa investigación sobre o Consello de Galiza, á que adicou o derradeiro tempo da súa vida.

 Dito o que antecede sobre a vida e a historia desta figura sobranceira, quero aproveitar unha vez máis esta ocasión para reivindicar ante o Concello de Castro de Rei, non esquecer que Antón Moreda viviu corenta e tres anos en Castro de Ribeiras de Lea, localidade da que sempre se considerou un veciño máis, feito polo que animo a que dito concello aproveite a oportuidade de recoñecer e pór en valor a este veciño ilustre, recuperando a súa obra e a súa memoria.

 Epílogo

Dende fai algún tempo escoitanse campás lonxanas, tímidas badaladas que  alertan e animan  ao    PPG a  transformarse en algo contrario ás súas orixes e natureza, converténdose nunha forza  galeguista  independente, na que o seu principal obxectivo sexa a defensa dos intereses de Galiza e das súas xentes, asumindo sen complexos a súa identidade nacional, dereito anunciado e recoñecido no artigo 2 da Constitución Española, alonxándose de tal xeito do triunvirato Casado, Egea e señora Marquesa, iluminados pola aura aznariana, que dende que se xuntaron non paran de xirar á dereita,resucitando vellas pantasmas que considerabamos superados. Todo elo na procura de parcelar nun couto redondo os antigos feudos, agora convertidos en eidos intersticiais nos que campan ás súas anchas os seus socios da dereita desacomplexada, con Vox que marcha de fronte, e un Ciudadanos que vai de esguello; mentres aquí na “ gallaecia “, o señor Feijóo vai capeando o temporal, dando unha de cal e outra de area, e fala cando lle convén do galeguismo amable, que só el sabe o que realmente é, se en realidade é algo. Mais hai que ver como este cerimonial lles aleda o corazón a algúns galeguistas crédulos, que xa pensan que os tempos son chegados. Cecáis esta sexa a nova versión do galeguismo convertido en materia neutra e patrimonio inmaterial da humanidade.

 Eu non sei se os tempos son chegados, mais si sei que Galiza segue agardando a políticos e políticas que pensen máis nos nosos problemas que nas súas molidas cadeiras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

14 − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.