Rey destaca o aumento do turismo deportivo con eventos como a Copa do Rei e da Raíña de Hóckey

A alcaldesa valorou positivamente que A Coruña sexa sede en marzo dunha competición que xuntará por segunda vez as categorías masculina e feminina e que suporá preto de 550.000 euros en ingresos para a cidade

A alcaldesa Inés Rey presentou esta mañá a Copa do Rei e da Raíña de Hóckey patíns, que terá lugar na Coruña do 19 ao 22 de marzo. A rexedora destacou que “somos unha cidade na que o stick forma parte do noso imaxinario grazas ás cores verdes e brancas desde hai máis de 40 anos” e que xa pasou un decenio desde a última Copa do Rei con “sabor atlántico”. O ano que vén, o Pavillón dos Deportes será sede desta competición, na que participarán 16 equipos, oito femininos e oito masculinos, unha circunstancia -a de xuntar homes e mulleres- que se dará por segunda vez e que “como alcaldesa faime sentir unha dobre satisfacción”. Rey agarda que o evento atraia o público da casa, fieis ao Deportivo Liceo, e tamén a persoas afeccionadas de fóra, “nesa intención de fomentar o turismo deportivo. Falamos de preto de 10.000 persoas espectadoras que poboarán as bancadas do pavillón, das que 1.500 quedarán a pasar a noite na cidade, así que gañaremos todos: o Liceo, a copa; a cidade, toda esta cantidade de visitantes, e tamén o hóckey, que necesita de apoios”.

Engadiu que o sector hostaleiro verase igualmente beneficiado dunha actividade que se calcula que xerará 550.000 euros de ingresos neses catro días de competición. Pola súa parte, o presidente do Deportivo Liceo, Emilio Fernández, agradeceu a presenza no acto dos fundadores, pasado e presente dun club que desde a directiva non contemplou presentar a súa candidatura tan cedo, pero que finalmente se decidiu a facelo polo apoio institucional e de patrocinadores e por toda a ilusión que se está creando, “e que se traduce nun pavillón cada vez máis cheo nunha tempada na que somo líderes da Ok Liga”.

O responsable sinalou que as e os espectadores merecían unha competición de primeiro nivel, “na que desfruten dos mellores equipos do mundo xogando por gañar un título”. Fernández deulle as grazas tamén á Federación Española de Hóckey Patíns por entender o importante que era albergar a cita na cidade. Na presentación tamén estiveron presentes o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.