‘Toponimízate’ divulgará os nomes da terra en dezaseis localidades

A Real Academia Galega coordina unha nova edición da iniciativa en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica, falaralles aos veciños e veciñas da orixe e o significado dos nomes dos seus concellos, parroquias e aldeas. O programa percorrerá as catro provincias galegas e chegará tamén ao Bierzo e a centros de día de maiores

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegará entre os meses de novembro e decembro a dezasete localidades. A Real Academia Galega coordina esta iniciativa en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os responsables de ambas as entidades, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral Valentín García, presentaron hoxe na sede da RAG a campaña xunto a María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas.

A acción, que se enmarca dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia, conta coas achegas do académico correspondente Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas. “Con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos”, salientou o presidente da Academia. “A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela”, engadiu Víctor F. Freixanes.

Valentín García incidiu tamén no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. “A Xunta de Galicia, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do proxecto Toponimia de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Real Academia Galega para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística.

Datas programadas nas catro provincias e no Bierzo

O calendario da que é xa a terceira edición da campaña arrincou o pasado 4 de novembro en Mazaricos e continuou en Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz e Ordes. As vindeiras sesións terán lugar o mércores 27 de novembro en Guitiriz (ás 19 horas no Telecentro), o xoves 28 en Lalín (Biblioteca Valera Jácome, 20 horas), o venres 29 en Taboada (Casa da Cultura, 19 horas) e o sábado 30 de novembro no Bierzo (salón de plenos do Concello de Carucedo, 12 horas).

O programa continuará nas seguinte semana en Muxía (o 4 de decembro na biblioteca municipal ás 10:30 horas), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura, 19 horas), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo-Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, avanzou Valentín García.

Alén de profundar no coñecemento dos nomes dos lugares habitados, as persoas asistentes poderán familiarizarse coa aplicación colaborativa para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización que empezará a funcionar proximamente, e tamén aprenderán a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no “Buscador de topónimos”. As utilidades destas ferramentas abranguen dende as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro…) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo, salienta Vicente Feijoo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.