Avia Veira pide nunha moción que se poña en marcha unha tarxeta moedeiro de axudas sociais para “evitar a estigmatización das persoas en exclusión”

A concelleira do BNG Avia Veira defenderá no pleno ordinario deste xoves 16X unha moción para o Goberno Local impulsar unha tarxeta moedeiro de axudas e prestacións sociais co fin de evitar a estigmatización das persoas en exclusión

A tarxeta moedeiro permitiría tamén reducir a burocracia “que pesa sobre as persoas perceptoras e as empresas” e, por tanto, “mellorar a xestión municipal”.

“Trátase dunha iniciativa que se ten que complementar con outros asuntos pendentes”, afirma Avia Veira e cita entre eles “o plan de inclusión social, a mudanza nas ordenanzas de Emerxencia Social e Renda Social Municipal ou a necesaria axilidade para a tramitación do bono taxi”.

“Aínda que a pobreza ou a exclusión debera só avergoñar a quen a produce, a quen se beneficia dela ou mesmo a quen se nega a poñer os medios para loitar contra ela, o certo é que o fenómeno da estigmatización da pobreza e da exclusión social é un fenómeno sociolóxico non menor”, reflexiona Veira na exposición de motivos da moción.

Explica a concelleira que o Concello non só ten que habilitar prestacións sociais para colectivos en situación de exclusión, senón tamén ten que reparar na forma en que se materializan. A obriga de presentar facturas “ou doutro tipo de métodos de pagamento” obriga con frecuencia as persoas perceptoras “a expoñérense e daren conta da súa situación a terceiros”, o que leva aparellado o afondamento “na estigmación da pobreza e da exclusión”.

Unha tarxeta moedeiro —xa posta en práctica por parte doutras institucións, por exemplo a Deputación de Barcelona— aforraría trámites burocráticos e evitaría situacións que ás persoas perceptoras das prestacións lles resultan violentas, alega a concelleira do BNG.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.