Ciencias da Educación explorará en tres proxectos internacionais o potencial das tecnoloxías emerxentes para o ensino

O financiamento para a súa execución supera o millón e medio de euros e, segundo Carmen Fernández Morante, “son estratéxicos para a reforma da educación e da profesión docente que se está a poñer en marcha en España”

A USC conseguiu na convocatoria da Comisión Europea a adxudicación de tres proxectos sobre investigación educativa que contarán cun orzamento total que supera o millón e medio de euros para a súa execución a través de Tecnoeduc (grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa) da Facultade de Ciencias da Educación e a Vicerreitoría de Internacionalización e Estudantes. Todas as iniciativas están enmarcadas na investigación docente a través de tecnoloxías emerxentes e abranguen diferentes etapas do ensino, dende a escola ata a educación superior. Na convocatoria foron presentados un total de 199 solicitudes, das que só 31 foron aprobadas, acadando a USC a primeira posición en financiamento da convocatoria. Dous destes proxectos serán coordinados pola institución compostelá e no terceiro participará en calidade de universidade socia.

A USC ocupa o terceiro posto en Europa en coordinación de proxectos de cooperación entre universidades. “Esta posición de liderado veuse reflectida na última convocatoria, na que captou preto de cinco millóns de euros a través do programa Erasmus + K2 logo de ser elixida coordinadora de tres proxectos, o máximo permitido, que favorecerán o desenvolvemento de capacidades en materia de ensino superior e xuventude, en distintas rexións do continente asiático”, sinala o vicerreitor de Internacionalización e Estudantes, Víctor Arce Vázquez.

“Tecnoeduc participa dende 1997 en proxectos de investigación educativa e a Comisión Europea ten mantido un financiamento estable para acometer iniciativas neste eido”, destaca Beatriz Cebreiro López, directora do grupo de investigación.  “A Unión Europea ten claro cales son as súas políticas educativas, xa que un dos seus principais retos é a adquisición de competencias en tecnoloxías emerxentes”, engade.

EKT: consorcio de alianzas para o coñecemento

O proxecto máis destacado, cunha dotación de case un millón de euros para a súa execución, é Educational Knowledge Transfer (EKT), un consorcio de alianzas para o coñecemento que coordinará a USC e no que participan tamén outras institucións de España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido. EKT traballará durante tres anos no desenvolvemento de metodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais, involucrando a membros de tres eixos: centros educativos (colexios e profesores), universidades (Facultades de Educación e investigadores), e empresas e institucións tecnolóxicas (especificamente as que ofrecen servizos de `e-learning´).

A Facultade de Ciencias da Educación acollerá a reunión posta en marcha desta iniciativa á que asistirán todas as institución socias participantes os vindeiros 21 e 22 de xaneiro.

“Trátase dun proxecto estratéxico para a reforma da educación e da profesión docente que se está poñendo en marcha en España”, sinala Carmen Fernández Morante, investigadora principal e presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Educación. “Por outra banda, supón un reto na dixitalización da educación, xa que confire un carácter práctico a diferentes tecnoloxías, facendo que sexan converxentes entre sí converténdose en interoperables”, engade.

Alfabetización dixital e mediática nas escolas

Outro dos proxectos coordinados tamén pola USC é Schools for 21st century (Escolas para o século XXI), que persegue promover a igualdade de oportunidades mediante o uso de tecnoloxías accesibles e asequibles nas escolas e explorar metodoloxías innovadoras de ensino-aprendizaxe que impliquen o desenvolvemento integrado de habilidades clave para século XXI como o pensamento crítico, a capacidade de toma de decisións, a comunicación e a responsabilidade social. Os principais obxectivos desta iniciativa, de dous anos de duración, son implementar estratexias de alfabetización dixital e mediática a través da aprendizaxe colaborativa das escolas participantes.

Contornas de aprendizaxe en Realidade Virtual

O terceiro proxecto, DLAB2, no que a USC participará en calidade de socia, está coordinado pola Professionshojskolen University College Nordjyllnad (Dinamarca). A través da investigación de propostas de innovación con tecnoloxías educativas o desenvolvemento de axentes de cambio, con especial énfase na realidade virtual (VR) e realidade aumentada (AR).

Esta iniciativa, de tres anos de duración, persegue desenvolver traballos de colaboración entre varios centros educativos europeos sobre un tema concreto para que permitan abordar algún dos retos deste século: as barreiras físicas, persoais e ambientais por medio da tecnoloxía como soporte para o traballo en equipos internacionais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ocho + 10 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.