ContraMINAcción celebra a vitoria da veciñanza de Touro na súa loita contra o proxecto de Atalaya Mining

En ContraMINAcción queremos mostrar hoxe, máis que nunca, a nosa solidariedade coa veciñanza de Touro e O Pino, polo éxito acadado despois dunha loita de máis de dous anos.

Cando, a finais de setembro do ano 2017, dende Contraminacción fixemos a nosa primeira xuntanza en Loxo sabiamos da importancia de proporcionar información á xente afectada, pois a información é a base da organización para parar os proxectos.

Foi un longo camiño para a veciñanza de Touro e O Pino. Un reto duro e de moita incerteza, pois o proxecto mineiro irrompeu nas súas vidas interferindo nelas e na súa concepción do mundo, virándoa do revés. Non podemos menos que felicitar á Plataforma de Touro polo traballo realizado, co que finalmente, despois dun esforzo dilatado e continuo, conseguiron facer ver ás autoridades a incompatibilidade do proxecto coas actividades preexistentes e co seu modo de vida.

É salientable que o motivo da anulación fose de índole ambiental. Iso vén darnos a razón, pois todas as nosas reclamacións se baseaban precisamente na incompatibilidade do proxecto coa protección do medio.

Queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina, que, como xa vén sendo habitual (a pesar de ser ilegal), segue sen ser restaurada como correspondería. A Xunta debe instar á empresa a repoñer as condicións ambientais do medio tal como se recolle na nosa lexislación.

Desde a nosa Rede seguiremos en alerta, para vixiar este caso e os outros existentes e que veñen de camiño, tanto en Galiza, como co resto da Península Ibérica. Somos conscientes de que as ameazas son moitas, mais unha vitoria como esta axúdanos a coller folgos para seguir na loita.

Esta vitoria fai patente a importancia que pode ter unha rede como ContraMINAcción, especialmente nas etapas iniciais do proxecto, para dar a voz de alarma, informar aos afectados e transmitir os coñecementos acumulados desde o noso nacemento en 2013, con outras loitas, algunhas ganadas xa, como a de Corcoesto; outras en marcha desde aquela, como Triacastela, San Finx, Santa Comba, Forcarei…

Neste senso, aproveitamos para dar de novo a voz de alarma en relación á Lei ambiental que está actualmente en tramitación, e que xa é coñecida como Lei de Prevaricación Ambiental. Pois entendemos que vai diluír os dereitos á información pública e participación en materia de medio ambiente recollidos en normas nacionais, estatais e comunitarias, así como en tratados internacionais, reducindo ao máximo os controis aos proxectos, non só mineiros, senón de todo tipo.

Parabéns a todas as persoas que contribuíron dun xeito ou outro a retirar a licenza social á Mina Touro-O Pino. O proxecto é ambientalmente insostible, pero a Declaración de Impacto Ambiental negativa vén da man da falta da licenza social. Sigamos unindo as nosas forzas, para loitar contra a depredación do noso territorio.

Hoxe, igual que onte (pero con moita ledicia), berramos a pleno pulmón: MINA NON!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.