Fabiola García destaca que Galicia lidera o apoio ás familias coa gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos

Serán gratuítas tanto as escolas infantís públicas da Xunta como as privadas e as de iniciativa social

A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou hoxe ás familias lucenses que a partir do vindeiro 1 de abril as escolas infantís de Galicia serán gratuítas para os segundos fillos e sucesivos. Díxoo durante a visita á escola infantil da Xunta na cidade lucense, financiada integramente pola Fundación Amancio Ortega, en servizo desde o curso pasado e á que acoden diariamente 80 nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que con esta decisión Galicia inicia esta nova década sendo líder nos eidos do apoio ás familias e da conciliación e precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta como nas privadas e de iniciativa social. Esta medida pioneira e sen precedentes en toda España beneficiará ás familias duns 12.500 nenas e nenos, e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.

Ademais, a conselleira de Política Social sinalou que a partir do vindeiro curso 2020-2021 tamén se achegarán fondos para facilitar que as escolas infantís que dependen dos Concellos poidan introducir a gratuidade para os segundos fillo e sucesivos, sempre que o concello en cuestión estea ao día no pagamento que lle corresponde polos servizos de escolas infantís e centros de día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Fabiola García apuntou que con esta medida Galicia dá un paso fundamental no acceso á educación infantil, e pediu a implicación do Goberno central para que facilite o financiamento que permita estender a medida tamén á primeira filla ou fillo.

Máis apoios ás familias que nunca

A conselleira manifestou que o obxectivo do Goberno galego neste 2020 é que a comunidade siga a estar á vangarda nos ámbitos da familia, a infancia e a conciliación. Neste sentido, destacou que nos últimos dez anos a Xunta duplicou o número de prazas públicas en escolas infantís ata chegar ás 25.000 actuais; creou unha rede de recursos de conciliación no rural gratuíta para as familias coas casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos máis rurais; e aumentou as axudas directas ás familias para que poidan escoller escola infantil para as súas fillas e fillos mediante o Bono concilia.

Tamén se referiu á ampliación da Tarxeta Benvida nun 25% para as familias que viven nos concellos máis rurais e ao incremento desta axuda para a crianza ata os 2400 euros mensuais para as familias que teñan un terceiro fillo e sucesivos.

Por último, lembrar que no primeiro trimestre deste ano o Executivo autonómico levará ao Parlamento a que será a primeira Lei de impulso demográfico, con novas medidas que reforzarán a conciliación e coas que se aposta porque cada día Galicia sexa máis familia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 − cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.