Feijóo: “O Xacobeo 2021 mostrará ao mundo a mellor Marca España”

Incide en que o obxectivo é converter o Xacobeo 2021 no punto de partida dunha era xacobea de 5.000 días que abarcará tres anos santos: “Iniciamos 5.000 días de camiños, de festivais, de encontros, de hospitalidade, de concordia e de valores”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe, durante a presentación esta mañá de Turismo de Galicia en Fitur 2020, que o Xacobeo 2021 mostrará ao mundo non só a mellor Galicia da historia, senón a mellor Marca España, e convocou deste xeito a apostar por un recurso que une a todos, con independencia das crenzas, ideoloxías, culturas ou costumes. “Non hai nada máis transversal en Europa que o Camiño de Santiago”, dixo, recordando a diversidade de visitantes que Compostela leva acollendo durante séculos.

Nesta liña, resaltou que un dos atractivos do expositor da Comunidade nesta feira internacional de turismo é o chamado túnel do Camiño, unha experiencia que permite ao visitante mergullarse nos dez itinerarios xacobeos e converterse nun peregrino.

Unha Galicia con alternativas para todos os perfís de viaxeiro

“Hospitalidade, concordia, apertura e solidariedade, estes son os nosos valores e os que queremos transmitir e compartir”, abundou, incidindo en que o obxectivo é converter o Xacobeo 2021 no punto de partida dunha era xacobea de 5.000 días que abarcará tres anos santos -2021, 2027 e 2032-. “Iniciamos unha aventura: 5.000 días de camiños, de festivais, de encontros, de hospitalidade, de concordia e de valores”, recalcou.

Coñecer e desfrutar de paisaxes como o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a Ribeira Sacra, dúas contornas únicas cuxo obxectivo é que obteñan o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade, do mesmo xeito que o Ferrol da Ilustración; coñecer e degustar a súa gastronomía, a segunda razón pola que os turistas visitan esta terra e onde o receitario tradicional e a cociña de vangarda se funden; coñecer e desfrutar da súa tradición, con festas de interese turístico como os entroidos ou a Semana Santa de Viveiro e Ferrol; e coñecer e desfrutar das súas augas termais, que a converten na segunda potencia europea termal.

“E Galicia é tamén turismo rural, natureza e deporte”, dixo, referíndose ademais á oferta de ocio cada vez máis potente, que se reflicte en festivais –como é o caso do Son do Camiño- que o ano pasado permitiron atraer a máis de 300.000 persoas e xerar un impacto económico de case 40 millóns de euros.

Ao longo da presentación, Feijóo incidiu en que Compostela e Galicia sempre foron e serán a casa de todos, unha realidade que representa o abrazo ao apóstolo Santiago e que corroboran os máis de 350.000 peregrinos de máis de 180 nacionalidades que visitaron a Comunidade en 2019, un ano que foi récord.

Uns datos que permiten afrontar a nova era xacobea nas mellores condicións posibles

O presidente da Xunta destacou os datos da década que deixamos atrás e que permiten afrontar unha nova era xacobea nas mellores condicións posibles.

Sobre este punto, subliñou que o 99,4% dos turistas que veñen a Galicia repetiría a viaxe e o 99,5% recomendaría visitarnos. O número de visitantes pasou de 3,8 millóns en 2009 a preto de 5,1 millóns en 2019. O turismo internacional mellorou nos últimos dez anos, dobrando as cifras de 2009, ao pasar de 713.000 viaxeiros a máis de 1,4 millóns. E pasouse de 8,8 millóns de pernoitas hai dez anos a 11 millóns o pasado ano, a cifra máis alta da historia da Comunidade.

Esta mellora reflíctese non só na cantidade senón tamén nos ingresos do sector hoteleiro que pasaron de 239 millóns de euros en 2009 a 314 millóns na actualidade. Incrementouse a ocupación hoteleira, creceron as tarifas hoteleiras un 5% e a rendibilidade do sector mellorou un 22%.

A estes datos, súmase o feito de que somos a segunda comunidade con máis certificados Q de Calidade, cun total de 290. “E somos a primeira que está a elaborar un certificado de calidade para visibilizar as rutas xacobeas”, precisou, incidindo en que Galicia calidade seguirá sendo o sinal de identidade da nosa autonomía. “Non escollemos a Galicia que ofrecemos ao mundo. Simplemente ensinamos a Galicia que somos”, abundou.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 + trece =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.