Masterclass de Física de Partículas polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza unha nova edición da Masterclass dirixida ás alumnas de bacharelato o próximo 11 de febreiro na Facultade de Física da USC. A xornada, promovida polo CERN e o Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas, ten por obxectivo promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico.

“Asegurar a igualdade en ciencia supón aproveitar o talento de toda a poboación”, apuntan dende o IGFAE. “Isto é dunha importancia vital nunha época na que a Ciencia e a Tecnoloxía son decisivas para atopar solucións a moitos dos retos aos que se enfronta a humanidade, tales como a crise enerxética, medioambiental, alimentaria ou financeira”, sinalan.

O obxectivo da actividade é acercar ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así a labor científica levada a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Impartiranse unha serie de conferencias introdutorias da Física de Partículas actual e, ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada simultaneamente.

Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes aportacións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar. Neste senso, impulsarase unha pequena charla-coloquio de “historias invisibilizadas de mulleres científicas, que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras ás que estas tiveron e teñen que facer fronte ao longo da súa carreira científica”.

“Sen ningunha dúbida, esta será unha experiencia inesquecible para as alumnas”, sinalan dende o IGFAE, na que terán a oportunidade de acercarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón o día a día dunha científica, ademais de adquirir coñecemento sobre a historia das mulleres na ciencia. “O número de estudantes está limitado a 40, polo que gustaríanos contar con dúas estudantes de 1º de Bacharelato de cada instituto. Consideramos que esta actividade se podería converter nun incentivo para decantarse por carreiras científicas”, apuntan. As persoas interesadas en participar nesta experiencia deben enviar o formulario de inscrición electrónico que se atopa nesta web, cos datos requiridos, antes do venres 17 de xaneiro de 2020. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.