O Concello de Ourense presentarase en FITUR coa campaña ‘O Camiño entre augas’

A Concellería de Turismo amosará con esta proposta as posibilidades da cidade como Capital Termal e cidade clave na Vía da Prata

O Concello de Ourense acode un ano máis á Feira Internacional de Turismo Fitur, que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, cunha aposta polo termalismo aliado coa dinamización da Vía da Prata ao seu paso pola cidade. A proposto denomínase O Camiño entre augas, unha conexión que desde o departamento de Turismo e Termalismo se considera moi adecuada para o ano previo ao Xacobeo 2021.

“Somos conscientes de que o Xacobeo 2021 é o evento turístico máis importante dos próximos anos, e en Ourense estamos preparados para mostrarnos como destino singular, co termalismo como máximo expoñente e co Camiño Mozárabe – Vía da Prata como camiño preferente”, sinala a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure. “Todo iso mostrarémolo ao mundo en FITUR a próxima semana”.

Espérase que ao evento acudan divulgadores, prescritores e profesionais vinculados co sector turístico.

A presentación terá lugar na caseta de Turismo de Galicia o vindeiro xoves 23 de xaneiro ás 13:30 horas, no pavillón 9 de IFEMA, nun acto presentado pola actriz ourensá Cayetana Cabezas e que contará coas intervencións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e da concelleira Flora Moure. Nese evento estrearase, ademais, un novo vídeo turístico da cidade de Ourense.

FITUR, a feira clave do sector, compre 40 anos nesta edición e espera superar as cifras de 2019, nas que recibiu 253.000 visitantes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.