O Grupo Común da Esquerda reclamará unha mellora das conexións ferroviarias e dos prezos en Ourense

Ánxeles Cuña: “reivindicamos a necesidade de volver ao modelo de servizo ferroviario público que cubra as necesidades do rural”

O Grupo Común da Esquerda vén de rexistrar unha serie de iniciativas para a mellora das conexións ferroviarias de Ourense que se traducirán nunha pregunta ao Goberno no Pleno da semana que vén. A deputada Ánxeles Cuña reclamará cambios na política de mobilidade que a Xunta presente ao Goberno do Estado para garantir a recuperación desas conexións e uns prezos que “non marxinen os ourensáns”.

No que respecta aos prezos, pódese comprobar que no traxecto Ourense – Compostela son un 66% máis altos ca no Eixo Atlántico, onde o prezo por quilómetro é de 9 céntimos fronte aos 15 ourensáns. Cuña cualifica esta circunstancia como “inxusta e marxinadora” e considera que “se están a vulnerar os dereitos da cidadanía en accesibilidade ao transporte público”. Ademais, as actualizacións tarifarias do ano 2020, aprobadas polo Consello de Administración de Renfe, volveron incrementar o prezo do Avant que cobre a liña Ourense – Santiago – A Coruña nun 1,2%, pasando a ser de 18 euros por billete.

Na provincia de Ourense perdéronse varias conexións e frecuencia nos traxectos, como foi o caso da supresión dos 14 servizos semanais do tren rexional Ourense – Puebla de Sanabria ou a privatización de varias estacións de tren do rural (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa), coa conseguinte diminución da calidade. “Toda a política ferroviaria de desmantelamento do tren convencional, alicerce sobre o que descansaba o mito do AVE, tamén pareceu racharse por momentos motivado non só polas malas decisións técnicas en materia de transporte e pola crise económica senón, tamén, por certos promotores políticos que fomentaron un modelo de transporte inxusto socialmente. O declive do ferrocarril como medio de transporte enmárcase nunha ordenación territorial que antepón os intereses da industria e das grandes finanzas ás necesidades da xente. O predominio doutros medios de transporte dificultou calquera política que pretendese un sistema de transporte máis racional social e ambientalmente”, manifestou Cuña.

Nesta liña a deputada tamén insistiu en que o modelo de ferrocarril público debe supoñer que o servizo sexa “propiedade da sociedade”, e polo tanto debe contar coa participación directa da mesma e estar orientado á satisfacción das súas necesidades. “Reivindicamos a necesidade de volver ao modelo do servizo ferroviario público que cubra as necesidades do rural, non aumente as emisións de CO2 á atmosfera e contemple uns prezos socialmente xustos”, engadiu a deputada. Cuña tamén lembrou que as queixas por avarías nos traxectos ourensáns “non son novas” pero que o PP nunca elaborou ningún plan para “paliar a degradación das liñas que sofren os viaxeiros e viaxeiras”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − catorce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.