Vilalba Aberta retoma as súas Redes de Parroquia cun novo encontro aberto coa veciñanza en Ladra

Vilalba Aberta ven de anunciar a parroquia fixada para a que será a terceira parada da súa iniciativa “Redes de Parroquia”

Logo das dúas primeiras de Santaballa e Nete que, tal e como recoñecen dende a formación, superaron con creces as previsións iniciais en base ao importante número de veciños que se achegaron; Vilalba Aberta trasladará desta volta a súa dinámica de asembleas abertas á parroquia de Ladra, co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporalas á axenda política da corporación.

“ A acollida en Santaballa e Nete foi fantástica e, logo de confirmarmos xa arredor de 10, xurdiron máis peticións de Asociacións de Veciños doutras parroquias que querían que nos achegaramos”, apuntaba esta mañá a Concelleira da formación, Mª Xosé Fernández.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o voceiro municipal de Vilalba Aberta, Modesto Renda, poñendo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños das parroquias” pois “son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións, lembremos, chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”

Dende Vilalba Aberta remarcan unha vez máis a importancia de dar resposta ao que tantos veciños das parroquias dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: “As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral” e contextualizaron a súa aposta decidida polas parroquias na necesidade de cumprir co compromiso adquirido coa veciñanza de levar as súas asembleas ás 29 parroquias do Concello de Vilalba.”

É por isto que animan á veciñanza de Ladra a participar, achegándose este domingo día 26 – 18h – á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, dende a formación asemblearia non quixeron deixar pasar a oportunidade para  trasladar o seu “profundo agradecemento” á directiva da Asociación de Veciños de San Salvador de Ladra por “permitir facer posible” este novo encontro.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.