A Administración electrónica do Concello de Marín, unha das liñas estratéxicas do #Marín2020

O Goberno local segue dando pasos para implementar os obxectivos da súa estratexia DUSI, como é o desenvolvemento da administración electrónica, cuxos pregos de licitación veñen de ser aprobados pola Xunta de Goberno local

A estratexia de desenvolvemento urbano sostible #Marín2020, cofinanciada cos Fondos DUSI, pertencentes ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, segue avanzando nos seus obxectivos.

Concretamente, a Unión Europea axuda a territorios con estratexias DUSI como a de Marín cunha cofinanciación dun 80% dos seus proxectos, a través do coñecido como Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Entre as liñas estratéxicas do #Marín2020, destaca a mellora da informatización da Administración local, ca fin de que os trámites burocráticos diarios que se realizan no Concello poidan ser máis áxiles, efectivos e que conten ca tecnoloxía necesaria para a súa aplicación.

Deste xeito, o Goberno local leva traballando intensamente no último ano na elaboración dun proxecto que permita desenvolver unha plataforma de administración dixital moderna e avanzada, cuxo prego de contratación vén de ser aprobado na Xunta de Goberno local celebrada esta semana.

Este contrato enmárcase dentro da liña de actuación 1 do #Marín2020, destinada a “favorecer a progresiva implantación da administración electrónica e de mecanismos de participación e transparencia”, segundo se pode ler na memoria do proxecto europeo realizado polo Concello marinense.

No prego elaborado para a licitación deste contrato, determínanse tres lotes, necesarios para poder implementar a administración electrónica na vila, aos que se poderán presentar as empresas que estean interesadas tanto de maneira individual (para executar un único lote) ou a máis dun.

O primeiro lote recolle a implantación e a posta en funcionamento dun sistema integral que soporte esta administración dixital. Será, de maneira pormenorizada, un sistema de xestión de expedientes, no que se podan tramitar estes documentos. É dicir, que actuará coma un sistema de arquivos.

O segundo lote fai referencia á adquisición e dotación ao corpo municipal do equipamento informático necesario para vincular o desenvolvemento desta administración electrónica.

Finalmente, o terceiro lote inclúe a adquisición de servidores, almacenamento e backup para a xestión interna do Concello e que se utilizará de maneira complementaria á tramitación electrónica.

Detalles do contrato

O prazo de presentación non será inferior a 35 días, desde o momento no que se envíe o anuncio da licitación á Oficina de Publicacións da Unión Europea. Toda a documentación debe presentarse a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

A adxudicación realizarse mediante procedemento aberto, con pluralidade de criterios de adxudicación baseados na mellor relación calidade-precio.

O importe total de licitación do contrato será de 337.635,30 euros, co IVE incluído.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.