A Plataforma de Infancia de Galicia aplaude a posta en marcha do Observatorio Galego da Familia e da Infancia

Trala constitución deste organismo esta mañá en Santiago de Compostela

A Conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu esta mañá, na sala plenos do Consello Económico e Social de Galicia en Santiago de Compostela, á sesión constitutiva do Observatorio Galego da Familia e da Infancia.  “Dende a Plataforma de Infancia de Galicia saudamos a posta en marcha do Observatorio que debe converterse nun importante  instrumento ao servizo dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes da nosa comunidade, e de xeito especial no deseño de estratexias comúns en favor dos colectivos máis vulnerables”, explica o presidente da Plataforma de Infancia de Galicia, Xesús Vilas.

O Observatorio é un órgano colexiado e participativo no que están presentes todas as administracións de Galicia, as tres universidades, os axentes sociais e, a través da Plataforma de Infancia de Galicia, están tamén representadas as entidades do terceiro sector que traballan coa infancia na nosa comunidade.

O carácter deste novo Órgano asesor é de apoio, análise, investigación e de propostas de actuación en materia de familia e infancia.

Entre os principais obxectivos cabe destacar: recompilación, análise e intercambio de información; realización de estudos, investigación e informes técnicos para un mellor coñecemento da situación; servir de canle entre os distintos departamentos das administración públicas; canalizar as propostas das organización sociais; promover e sensibilizar sobre os dereitos da infancia en Galicia; e impulsar a perspectiva da familia e infancia no ordenamento xurídico galego.

A Plataforma de Infancia de Galicia agrupa a 30 entidades que traballan a favor da infancia no territorio galego (https://infanciagalicia.org/membros/) e ten como obxectivos fundamentais a protección e promoción dos Dereitos da Infancia, recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989 e ratificada polo Parlamento español. O seu interese é incrementar o benestar da Infancia e denunciar e facer seguimento das situacións que vulneren os dereitos das persoas menores de idade.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.