A Policía Local de Marín presenta o programa “Vacacións tranquilas”, unha garantía de seguridade para os veciños

Este programa, pioneiro en Galicia, foi presentado esta mañá polo xefe da Policía Local, Benigno Blanco e polo axente Salvador Montes, xunto ca concelleira de Turismo, Cristina Acuña.Consistirá na vixilancia e no control da vivenda ou do pequeno comercio daqueles propietarios e propietarias que se adhiran ao plan. Para facelo, deberán cumplimentar os formularios correspondentes nas dependencias da Policía Local

As dependencias da Comisaría da Policía Local acolleron esta mañá a presentación do programa “Vacacións tranquilas”, unha aposta do corpo de seguridade marinense pola seguridade das propiedades inmobles dos veciños da vila que pasan estadías fóra por mor das tempadas de vacacións.

Tal e como explicaron os axentes Salva Montes e Benigno Blanco, existen determinadas épocas do ano nas que aumenta o número de vivendas e locais de pequeno comercio que quedan baleiros por descanso das persoas propietarias. “O que buscamos é mellorar a seguridade e a tranquilidade dos veciños que tratan de aproveitar esas datas sinaladas, para que poidan desconectar da rutina e aproveitar as vacacións sen demasiadas preocupacións”.

Para iso, a Policía Local ofrecerá un servizo de vixilancia e control dos locais e vivendas daquelas persoas que se adhiran ao plan. “Non só atenderemos situacións como os roubos, senón tamén calquera tipo de incidencia que se poida dar nestes espazos, ademais de traballar na prevención de posibles delitos e incidencias”, explicou Montes.

A esta labor de actuación, súmase unha de vixilancia das vivendas, “tendo en conta aqueles parámetros que a nivel policial poden indicarnos a ameaza dun posible delito, dado que existen sinalizacións e marcas que deixan os infractores antes de cometer un roubo, por exemplo”. Con estas visitas dos axentes, cunha frecuencia media de dúas veces por semana, poden chegar a evitarse situacións coma esas.

Épocas vacacionais en activo e inscricións ao programa

As épocas do ano nas que estará operativo o programa “Vacacións tranquilas” serán o Entroido (xa no deste ano, que comezará a próxima semana, estará en vigor), a Semana Santa, o verán e o Nadal. Aquelas familias ou propietarios de pequenos comercios que estean interesados en beneficiarse deste programa terán dúas modalidades a escoller.

Por unha banda, poderán acudir ás dependencias da Policía Local en horario de mañá antes de partir de vacacións, onde entregarán un formulario facilitándolles aos axentes datos de contacto, co fin de poder dar aviso en caso de que sucedese algunha incidencia. Todos os datos aportados, serán tratados conforme á lexislación vixente en materia de Protección de Datos.

Outra opción será a entrega de chaves por parte dos usuarios do programa ao corpo de seguridade local, xunto cun impreso de inscrición no programa. Estas chaves quedarán custodiadas nun sobre hermético, cerrado e precintado polo propietario e só se abrirá en casos de “extrema urxencia”, como poden ser un roubo, unha incidencia grave ou unha inundación. Sempre que sexa posible, ademais, contarase ca autorización previa vía telefónica do propietario ou propietaria do inmoble.

Unicamente existen dous requisitos indispensables para adherirse ao programa: estar empadroado en Marín, ben como propietario ou inquilino; e cumplimentar as actas e formularios pertinentes para darse de alta.

A avaliación do plan, unha segunda parte pioneira en España

Segundo se expuxo na rolda de prensa, na que tamén estivo presente a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, este plan é único nos concellos galegos, aínda que si existen experiencias similares no resto do territorio español.

Así a todo, a Policía Local de Marín quere ir máis alá, ofrecendo unha segunda fase de avaliación e  información das actuacións realizadas dentro do plan que é única en España. “Nós somos un servizo público e debe ser a cidadanía a que avalíe o noso traballo e a que nos diga aqueles aspectos positivos e negativos do programa para poder mellorar de cara a anos futuros”, declarou Blanco.

Esta acción secundaria consistirá no envío dunha carta ao domicilio das persoas usuarias do programa, na que se detallarán as actuacións levadas a cabo na súa vivenda ou comercio, no caso de que se tiveran levado a cabo, así como os controis e vixilancias realizadas, con indicacións de data e hora.

Con esta avaliación, o que procura a Policía Local, segundo explicou na rolda de prensa Salva Montes, é “mellorar a imaxe que a veciñanza ten da súa Policía Local”. “Estamos traballando na prevención de delitos como foco fundamental para garantir a seguridade e a tranquilidade da vila”, engadiu Benigno Blanco.

Ademais, a Policía Local levará a cabo unha formación interna entre o seu persoal para desenvolver as accións deste programa.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.