A USC, capital mundial na formación de expertos en lexicografía

O mestrado EMLex que botou a andar este mércores está distinguido co selo Mundus da Comunidade Europea e será impartido por un consorcio de oito universidades

O Máster en Lexicografía Erasmus Mundus (EMLex), distinguido co selo Mundus da Comunidade Europea e impartido por un consorcio de oito universidades, botou a andar este mércores na USC. A institución compostelá é o escenario do período de mobilidade desta titulación e formará a promoción ‘María Moliner’ neste curso académico 2019-2020. Profesores e estudantes de todas as universidades do consorcio procedentes de todo o mundo, viaxarán a Compostela durante o segundo semestre.

O EMLex ten como  obxectivo a formación de  especialistas en lexicografía dende unha perspectiva teórica e práctica e, á súa vez, a promoción da mobilidade dos estudantes e o intercambio científico transnacional. Este programa dota ao estudantado dunha formación de alto nivel facilitando a súa integración nun mercado laboral global, algo especialmente relevante ao non existir unha vía específica para a formación de lexicógrafos nos diferentes países que integran o consorcio de universidades que organiza a formación. Asemade, forma a especialistas multilingües que son capaces de desenvolver novas ferramentas e recursos para o estudo e análise do léxico e as súas aplicacións. Asemade, adquiren coñecementos en programación, análise estatístico e desenvolvemento de recursos dixitais atendendo ás novas tendencias en visualización de información online.

No acto inaugural, celebrado no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía interviñeron o reitor Antonio López; María José Domínguez, coordinadora española da titulación; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso e o director do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Antonio Álvarez. “O Máster Erasmus Mundus en Lexicografía é un excelente exemplo de traballo en equipo, somos unha familia intercultural e multilingüe. Transmitimos contidos, pero tamén aprendemos moito do entusiasmo, da curiosidade e das ganas de saber do noso alumnado”, destaca Domínguez. “Nunha sociedade cada vez máis globalizada na que se dilúen as ferramentas lexicográficas e se desvanece o papel do dicionario o rol dos lexicógrafos faise máis patente. Ademais o carácter multilingüe da nosa formación, resulta unha forma excelente para afrontar os principais retos do século XXI”, engade.

Recoñecemento europeo ao traballo interuniversitario

Esta formación conta co selo da Axencia Europea no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (EACEA) A selección do mestrado como Mestrado Mundus pola Comisión Europea é un recoñecemento ao traballo interuniversitario, interdisciplinar e global das diferentes universidades e institucións europeas e non europeas que presentaron a proposta, entre elas a USC. Xunto coa USC o Consorcio confórmano a Károli Gáspár Református Egyetem Budapest de Hungría, a Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg de Alemaña, a Uniwersytet Śląski w Katowicach de Polonia, a Université de Lorraine de Francia, a Universidade do Minho de Portugal, a Università degli Studi Roma Tre de Italia e a Stellenbosch University de Suráfrica. A estas súmanse membros asociados de Alemaña, Estados Unidos e Brasil, entre outros.

Programa formativo é lúdico

O programa do ‘Opening Day’ inclúe diferentes conferencias así como actividades de tipo lúdico coa finalidade de integrar a  profesionais de diferentes campos de coñecemento e ao estudantado en xeral. Amosarase un vídeo relativo á actividade ‘Todas as palabras do mundo: un mundo de diccionarios’ ou a presentación do Dicionario imaxinario. Entre os relatores atópanse a académica da Real Academia Española e profesora da Universidade de Zaragoza, María Antonia Martín Zorraquino, e os profesores da USC e membros do Instituto la Lingua Galega, Belén Méndez Noya, María Teresa Sanmarco Bande e Antón Santamarina.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.