Aprobado o proxecto construtivo da grada de Marcador en Balaídos

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves o proxecto de reforma da grada de Marcador e a recolocación das butacas de Río Baixo. O alcalde informou en rolda de prensa de que a licitación da obra será en marzo e defendeu que “non hai ningún atraso” sobre as previsións

O Concello de Vigo deu o seu visto e prace na Xunta de Goberno Local ao proxecto construtivo da grada de Marcador e a recolocación das butacas de Río Baixo. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa na que sinalou que a licitación da obra será o vindeiro mes de marzo e as obras comezarán entre xullo e agosto próximos.

“Non hai ningún atraso sobre os prazos establecidos”, apuntou o rexedor despois de explicar que o orzamento base de licitación será de 16,6 millóns de euros, con financiamento exclusivo a cargo de Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra e cun prazo de execución de 18 meses.

Segundo o proxecto construtivo do do equipo coordinado polo arquitecto Pedro de la Puente, a nova grada terá un total de 6.418 butacas, repartidas entre Marcador Alto (2.791) e Marcador Baixo (3.977).

Licitación e inicio da obra

Caballero sinalou que a tramitación contempla que a licitación harmonizada estea a finais de marzo. “Xa estamos redactando os pregos e unha vez adxudicada, a obra comezará entre xullo e agosto”, sinalou.

A actuación comezará coa demolición da vella bancada e a posterior escavación para a execución dun semisoto a cota 4,98 metros, onde se prevé o uso para sala de conferencias e almacéns. Os accesos serán a través dunha zona porticada sobre o vial exterior, onde haberá escadas e oito ascensores.

Na actuación na planta baixa permitirá construír un nó de comunicacións para poder acceder as gradas de Río e Tribuna. Nas plantas 1ª e 2ª estarán os accesos á bancada de marcador Baixo, con zonas reservadas para espazos comerciais e servizos do estadio.

Marcador Alto e iluminación

Por último, a través das plantas 3ª e 4ª poderá acceder á zona de Marcador Alto e haberá espazo para oficinas de control do estadio, zona comercial e uso terciario.

O alcalde tamén explicou que o proxecto inclúe o derribo das torres exteriores de iluminación e a redistribución dos 60 focos existentes no conxunto das gradas de Río e Tribuna.

Cambio de butacas en Río Baixo

Abel Caballero indicou igualmente que o proxecto tamén aborda a actuación para o comprometido cambio de butacas en Río Baixo, retirando unha de cada cinco filas. “Vanse a reatribuír as distancias entre filas e gañaremos entre 15 e 18 centímetros para dar máis comodidade”, concluiu.

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.