Ciencia como profesión, alén de prexuízos de xénero

O grupo XuvenCiencia da USC deseña unha programación para desmontar os prexuízos e estereotipos que lastran a carreira investigadora das mozas e as mulleres novas

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia propón a máis de 200 docentes de ensino medio de toda Galicia que desenvolvan durante o mes de febreiro nas aulas centros educativos nos que traballan a iniciativa ‘A ciencia como profesión’, que consiste nunha programación específica deseñada para desmontar os prexuízos de xénero que lastran a carreira investigadora das mozas e as mulleres novas.

A proposta lanzada por XuvenCiencia co gallo do próximo Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha efeméride que se celebra o martes 11 de febreiro, xurde a partir dunha investigación publicada por Science e realizada nas universidades norteamericanas de Princeton, Nova York e Illinois, que conclúe que as nenas comezan a sentirse menos brillantes que os nenos a partir dos 6 anos. Esta percepción prende nas Esta idea prende no alumnado feminino máis novo e incluso se acentúa no que atinxe ás disciplinas tecnolóxicas, o que que lastra a súas posibilidades de facer carreira no eido da ciencia, sinala o estudo.

Fronte a esta realidade, XuvenCiencia anima aos máis de 200 docentes que xa participaron nas súas xornadas de formación de profesorado en I+d+i a implementar o programa ‘A ciencia como profesión’ nas aulas de 3º de ESO e 2º de BAC, a fin de artellar así un mecanismo para a reflexión e a coeducación, cuxos resultados serán obxecto dunha posterior avaliación.

O proxecto ‘A ciencia como profesión’ nace co obxecto de desmontar esta concepción errada que lles xorde ás nenas sobre si mesmas sen ningún motivo aparente. Daquela, XuvenCiencia busca incidir en que a baixa autoestima que adoitan amosar as rapazas cara ás disciplinas científicas é consecuencia dun mundo arredor que lles lanza continuamente mensaxes, tamén erradas, que ditaminan que eles teñen máis capacidade intelectual e que os logros delas están máis asociados ao traballo duro e a que son máis sacrificadas.

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora de Química Física da USC na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo Mercedes Novo, salienta neste senso que, malia que a ciencia desminte os estereotipos de xénero, o certo é que a matrícula de rapazas nas enxeñarías anda arredor do 25%, cando elas son a maior parte de toda a poboación universitaria. Hai moito tempo que as mulleres son maioría en disciplinas científicas que requiren un perfil asistencial (Medicina, Enfermaría, Veterinaria), así como en moitas das ciencias experimentais (Bioloxía, Ciencias Medioambientais…), pero no eido tecnolóxico, da Física ou as Matemáticas (STEM) aínda se mantén a fenda de xénero, precisa.

Os prexuízos de xénero están presentes de forma xeral, aínda que sexa de xeito inconsciente, en todos os estratos da sociedade, que teima en atribuílles ás nenas mellores capacidades para a educación, as ciencias sociais e as humanidades e, aos nenos, para os números, a tecnoloxía, a informática, as ciencias experimentais e todas aquelas tarefas abstractas e técnicas.

As nenas e as mozas desenvolven ao longo da súa vida educativa falta de confianza en si mesmas para as tarefas científicas e matemáticas e ata ansiedade cara estes contidos do currículo. Estas condutas obsérvanse mesmo cando presentan un alto rendemento escolar, engade Novo, quen lembra a existencia de estudos que indican que a presenza de referentes femininos axuda ás nenas a superar os seus medos e a seguir a súa verdadeira vocación.

Iniciativa a prol das vocacións científicas

XuvenCiencia. Fago logo aprendo! é unha iniciativa do Campus de Lugo da USC que para o curso 2019/2020 recibe o apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

Alén desta nova proposta para desenvolver nas aulas de ensino secundario de Gaicia, o grupo XuvenCiencia celebrará o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia con outra actividade pioneira que terá lugar o 12 de febreiro no Ceip Paradai de Lugo, no marco da que os seus 300 escolares de entre 3 e 12 anos participarán en 17 obradoiros científicos adaptados e desenvolvidos por máis dunha vintena de investigadoras, profesoras e alumnas de últimos cursos de grao da USC.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

12 + 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.