En Marea avisa de que “a proposta de Estatuto condena o futuro das grandes empresas electrointensivas galegas”

Pancho Casal: “Na proposta actual de Estatuto as empresas poderían reducir o seu emprego nun 85% e seguir a cobrar as axudas. Quen apoie este Estatuto está firmando a acta de defunción de Alcoa”

“A proposta de Estatuto para a industria electrointensiva está moi lonxe de poñer solución ao problema das grandes empresas galegas”. O deputado de En Marea, Pancho Casal, denunciou esta mañá que segundo o texto presentado as axudas e as reducións de peaxes estarán repartidas entre máis de 600 empresas, a maioría en Cataluña e no País Vasco, e das cales soamente 25 son verdadeiramente electrointensivas. Nestas últimas atópanse as galegas Alcoa, Ferroatlántica, Celsa, Megasa, Aluiberica e Showa Denko Carbón.

Nesta liña En Marea propón separar o Estatuto en dúas categorías, as electrointensivas e as hiperelectrointensivas e modular as axudas en función do impacto dos custos da electricidade nos seus custos totais. Segundo o deputado é ineficaz e inxusto metelas a todas no mesmo saco, pois hai “25 empresas que necesitan as melloras de custos da electricidade para a súa supervivencia, mentres que para o resto sería só unha mellora de competitividade e de rendibilidade”.

Pancho Casal tamén bota de menos no Estatuto que se aposte polo mantemento do emprego como unha condición necesaria para poder acollerse as axudas, algo que non recolle a proposta actual e que remataría por aceletar o peche das industrias galegas: “As empresas poderían reducir o seu emprego nun 85% e seguir a cobrar as axudas. Quen apoie este Estatuto está firmando a acta de defunción de Alcoa”.

Casal lanzou un chamamento a todos os actores implicados a ser conscientes de que con este estatuto a industria galega quedaría nunha situación insostible: “Agardamos que todos os sindicatos e partidos políticos sexan conscientes que con este Estatuto Alcoa e o resto de hiperelectrointensivas galegas están condenadas ao peche a curto prazo”. Por último asegurou que un despropósito destas características non se pode entender doutro xeito que como “un obxectivo do Goberno do Estado”

PROPOSTAS DE EN MAREA PARA GARANTIR O FUTURO DAS NOSAS INDUSTRIAS ELECTROINTENSIVAS

  1. Concentrar as axudas e incentivos nas empresas hiperelectrointensivas.
  2. Poñer o listón en empresas cun consumo superior aos 300/500 GWh (Gigawatios hora). A 
proposta actual o baixa a 1 GWh, e por iso entran tantas empresas.
  3. Ademais de facer bonificacións nas peaxes de renovables e extra peninsulares, facelas tamén 
nas peaxes de transporte e distribución sobretodo se as compras de enerxía son con parques próximos as factorías.
  4. Desenvolver subastas de enerxías renovables destinadas a firmar PPA (contratos directos entre produtor e consumidor, fóra do mercado eléctrico) con empresas electrointensivas. En concreto propoñemos que unha parte importante da produción renovable que sustitúa ao carbón no nó das Pontes estea condicionada a firmar PPA con Alcoa e o resto de hiperelectrointensivas galegas a longo prazo.
  5. Mentres estes parques non estean en funcionamento, sacar do mercado maiorista da electricidade 23.000 GWh anuais, procedentes da produción de nucleares e hidráulicas amortizadas, destinado a PPA coas hiperelectrointensivas.
  6. Levar ao máximo autorizado pola UE as compensacións por custos indirectos de emisións de CO2. Neste momento 200 M€. Destinar a meirande parte destas compensacións ás hiperelectrointensivas.
  7. Compromiso de investimentos proporcionais aos seus beneficios para mellorar a súa eficiencia enerxética e o desenvolvemento de economía circular nos seus procesos produtivos.
Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

13 + nueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.