Feijóo: “Galicia aposta pola colaboración e a lealdade institucional”

O presidente da Xunta participou esta mañá na xornada empresarial Innovación e sostenibilidade na industria galega, organizada por El Economista

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou, hoxe, pola colaboración e a lealdade institucional para afrontar e solucionar os retos e os problemas comúns. “O crecemento e a estabilidade conséguense traballando conxuntamente na mesma dirección”, aseverou.

Durante a xornada empresarial Innovación e sostenibilidade na industria galega, organizada por El Economista, Feijóo salientou que a colaboración e a lealdade institucional deben seguir sendo o compás que guíe a política. “As comunidades poden ser eficaces e poden orientar as políticas nacionais desde a cordialidade, desde o acordo e desde o consenso”, precisou, lembrando que o estado das autonomías baséase no principio de igualdade e de solidariedade e, polo tanto, nel non poden caber asimetrías, lamentablemente, cada vez máis insultantes e incomprensibles.

Feijóo incidiu na necesidade de recuperar tanto os lugares de encontro como a colaboración. E, a modo de exemplo, lembrou que seis comunidades autónomas de distintas cores políticas “puxémonos de acordo para estudar o sistema de financiamento das comunidades e facer unha proposta; e trouxemos á actualidade o problema demográfico do noso país”, expuxo, referíndose tamén ao acordo entre Asturias, Cantabria e Galicia para presentar alegacións conxuntas ao estatuto electrointensivo do Goberno central.

“Galicia seguirá apostando pola colaboración e a lealdade institucional”, dixo, lamentando a situación de que as comunidades estean na situación de ter que acudir aos tribunais ante a decisión do Goberno central de apropiarse de 2.500 millóns de euros da recadación do IVE que lles corresponde.

Así mesmo, referiuse aos incumprimentos dos prazos do AVE; á preocupación en sectores como o forestal e a conserva, debido á interpretación da zona marítimo-terrestre e á súa ocupación desde o punto de vista industrial; e á situación das electrointensivas, incidindo na necesidade dunha transición ordenada que dea certezas.

Sobre o naval, expuxo novamente a importancia da construción dun “barco ponte” que garanta a carga de traballo para o sector da comarca de Ferrol. E destacou tamén a preocupación sobre a negociación dos fondos europeos “nos que Galicia se xoga máis de 600 millóns de euros ao ano”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que Galicia superou a crise económica grazas, precisamente, ao esforzo de todos os galegos: das familias, dos autónomos, das pemes, das grandes empresas e dos empregados públicos. Un traballo conxunto, dixo, que unido á planificación fai que Galicia volva crecer novamente e que o faga a bo ritmo, como proban os últimos datos das exportacións ou os datos do sector turístico.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 + tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.