Galicia estará na fase final da Copa Das Rexions UEFA

Galicia xogará a Fase Final Nacional da Copa das Rexións UEFA logo de superar á selección vasca por 2-3 na eliminatoria que tivo lugar este mércores no campo principal da Cidade do Fútbol en Las Rozas

A Selección Galega volveu dar mostras da súa enorme competitividade, xogando con gran intensidade desde o primeiro minuto, sólidos e seguros en defensa, intensos e efectivos no medio e tremendamente incisivos en ataque, con xogadores veloces, talentosos e decisivos nos últimos metros, como Adri Castro, que segue co seu idilio co gol marcando dous máis nesta competición.

Iván Cancela deu entrada a Miki no once para ter verticalidade pola dereita e así chegou o primeiro gol do encontro. Balón de Brais Abelenda ao espazo, internada de Miki coa súa velocidade habitual e pase atrás que aproveitou Adri Castro para abrir o marcador.

Galicia tiña o partido onde quería ante unha selección vasca que non creou perigo en toda a primeira metade. Quen si puido marcar foi o combinado galego por mediación de Miki logo dun roubo de Adri a saída de balón vasca. Galicia sabía dos riscos que ían asumir os rivais na saída de pelota e aí saltaron sen dubidalo á presión para xerar contras rápidas con perigo.

Melloraron os vascos no último terzo do primeiro tempo e así continuaron despois do descanso, pero atopáronse cun contratempo en forma de expulsión do seu mellor home, Adrián Güemes. Xogador talentoso pero de sangue quente que viu o segundo cartón amarelo aos tres minutos da segunda metade. Malia todo, e con dez, o País Vasco fíxose co control do partido e acadou o premio no minuto 68 logo dun centro desde a esquerda que acabou enviando cara a súa propia portería Iago López no seu intento de evitar o remate dun atacante rival. Certo que antes Miki tivo unha gran oportunidade para abrir fenda no marcador, pero o certo é que o encontro estaba igualado pero con Galicia en superioridade e moitos minutos por xogar.

Reaccionaron de inmediato os de Iván Cancela. Xogada calcada á do primeiro gol, pero neste caso foi Brais Abelenda o que chegou a liña de fondo e o que centrou cara atrás. O desenlace foi o mesmo, remate de Adri Castro e gol galego. Un gol que definiu o encontro, porque os vascos tiveron que asumir xa moitos riscos e en inferioridade.

Galicia tivo contras para facer varios goles e a sentenza chegou da man de Iker Hurtado no 86. Iker é sinónimo de gol.

Os vascos non baixaron os brazos e aínda recurtaron a distancia co tempo cumprido, pero xa sen opcións de nada máis.

Galicia estará na Fase Final a 4 da Copa Rexións xunto a Andalucía, Estremadura e Baleares. Esta última selección derrotou na súa semifinal ao equipo de A Rioxa. Esta Fase Final será en Semana Santa nunha sede por determinar. Unha nova fase final logo daquela disputada en Portonovo na que Galicia fora anfitrioa e na que se proclamara campioa precisamente ante Andalucía.

Ficha técnica

País Vasco (2): Bruno, Yaser, Mikel Cuberia, Hugo Cabanas, Kepa del Olmo, Mikeldi, Cristian, Garikoitz (Ander Fernández, min. 61), Jon Fernández (Erlantz Rementería, min. 76), Iker Calvo (Iker Unzueta, min. 20) e Adrián Güemes.

Galicia (3): Cortegoso, Jesús Varela, Iago López, Abel, Aarón, Uzal, Samu (Diego, min. 84), Miki (Iker Hurtado, min. 77), Carlos López (Martín Lamelas, min. 67), Brais Abelenda e Adri Castro.

Árbitros: Bordóns Romero, con Mihai Alexandru e Pinilla Serrano, e Gómez Blázquez como cuarto árbitro. Expulsou con doble cartón amarelo a Adrián Güemes polo País Vasco. Ademáis amosou cartón a Hugo Cabanas e Mikel Cuberia polo combinado vasco e a Carlos López, Uzal e Jesús Varela por Galicia.

Goles: 0-1 Adri Castro (15’); 1-1 Iago López, en p.p. (68’); 1-2 Adri Castro (71’); 1-3 Iker Hurtado (86’); 2-3 Iker Unzueta (90’).

Campo: Campo 1 da Cidade do Fútbol de Las Rozas.

Fotos: Carmelo Rubio (RFEF) e RFGF

Fuente: FGF

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.