Mañá venres inaugúrase en Tui a exposición fotográfica “Camiño de Santiago e identidade europea”

Mañá venres, 14 de febreiro, ás 20 h terá lugar a inauguración da exposición fotográfica “Camiño de Santiago e identidade europea” na Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica.

O acto correrá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e do responsable do Centro de Estudos Hispánicos da Universidade de Ratisbona, Pedro Álvarez Olañeta.

 “Camiño de Santiago e identidade europea” é unha exposición fotográfica que realiza un percorrido polos Camiños de Santiago como “Primeiro itinerario cultural europeo”, declaración que recibiron en 1987 polo Consello de Europa. Estas vías xacobeas constitúen dende hai máis dun milenio a expresión vida da identidade europea.

Tras a desaparición do chamado ‘Pano de Aceiro’ en 1989 reaviváronse as conexións entre Pilsen, Capital Europea da Cultura de 2015 (República Checa), e Ratisbona (Alemaña) xurdindo así novas relacións, como as irmandades entre as dúas cidades, os seus bispados e universidades, incluíndo os centros culturais españois que existían previamente nelas. Poucos anos despois, en 2004, a Asociación Xacobea de Franconia marcou o tramo do Camiño Oriental de Baviera, no sur de Alemaña, dende Ratisbona ata o paso fronteirizo de Eschlkam/Všeruby e a Asociación Xacobea checa ‘Ultreia’, sinalizou o Camiño desde Praga ata a fronteira checo-alemá. Dende entón, unha e outra vez, individualmente ou en grupos, os peregrinos de ambos países emprenden o Camiño nas dúas bandas da fronteira. Moitas das imaxes da exposición tomáronse durante unha peregrinación checo-alemá con motivo do Día dos Católicos en 2014. Esta peregrinación na Europa central é unha expresión vida da identidade europea que atopa no Camiño de Santiago unha das súas principais expresións dende hai máis dun milenio.

Para o Concello de Tui o Camiño de Santiago é un dos principais recursos de promoción da cidade, a presenza dun número crecente de peregrinos polo Camiño Portugués así o acreditan. Promover o papel de Tui neste contexto é sempre oportuno e realizar actividades que impliquen a proxección internacional das rutas de peregrinación sempre contribúe á sensibilización da cidadanía en torno ao Camiño de Santiago e a presenza de peregrinos na cidade, onde os de nacionalidade xermana ocupan o un lugar moi destacado.

A exposición pode visitarse, de forma gratuíta, até o 14 de marzo. En horario de luns a venres de 9.30 h a 14.00 h e de 15.30 h a 21.00 h e os sábados de 9.30 h a 14.00 h.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

trece + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.