O BNG pregunta polo programa de lecer xuvenil do concello despois de prohibir o botellón nos xardíns de Méndez Núñez

A concelleira do BNG Avia Veira dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local para saber que programas de ocio xuvenil ten posto en marcha após declarar os xardíns de Méndez Núñez como Zona de Especial Protección (ZEP) e, consecuentemente, ter prohibido o botellón neles

Na exposición de motivos desta pregunta, a concelleira nacionalista insta o Goberno Local a que organice actividades alternativas para a mocidade e nese sentido reflexiona sobre o feito de que “o botellón pode verse como un problema, pero tamén como unha oportunidade porque, ao ser un espazo de socialización, reúne mozas e mozos nunha zona concreta, o que pode permitirlle á Administración local a intervención nese espazo para tratar cuestións concretas relativas á violencia machista no contexto do ocio nocturno ou sobre a sexualidade”.

O botellón, a xuízo de Veira, é un problema ambiental —pola “xeración de residuos que quedan sen recoller” e “polas molestias derivadas do ruído —, mais tamén o é, claramente, de saúde pública, polo “consumo excesivo de alcol, especialmente no que ten a ver coas persoas menores”. Pois ben, ese fenómeno, ao se prohibir en Méndez Núñez, estaría agora a se espallar por outras zonas da cidade, afirma a concelleira, quen pregunta ao Goberno Local que pensa facer ao respecto.

Canto ao deseño de alternativas de ocio para a mocidade, quere saber a concelleira se o Goberno Local está a contar para a súa confección co “tecido xuvenil” da cidade. “Que medidas ten pensado pór en marcha, xunto coa mocidade coruñesa, para artellar outros modos e espazos públicos de ocio específicos para eles?”, inquire Veira.

Finalmente, pregunta a concelleira “que accións de rehabilitación ten programadas o Goberno Local para os Xardíns de Méndez Núñez, tendo en conta a súa importancia do punto de vista botánico, histórico e patrimonial.”

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.