O humor do país volta con R e máis Touriñán a Ourense

Comeza unha nova quenda da exitosa acción dos monólogos itinerantes do operador galego que xa se desenvolveu en anos anteriores en moitas localidades de Galicia. O humorista galego Xosé Antonio Touriñán preséntalles en exclusiva aos clientes de R o seu novo monólogo “Aquí estou”, en primicia, este venres, no Auditorio Municipal de Ourense 

R aposta, outra vez, pola canteira galega do humor, e desta volta convida o público ao espectáculo dun dos monologuistas máis soados de Galicia: Xosé A.Touriñán. O actor e humorista de Culleredo vailles ofrecer en exclusiva aos clientes de R o seu último espectáculo, “Aquí estou”, un monólogo cómico-existencial no que aborda en clave de humor grandes preguntas da Historia da Humanidade (“descendemos todos do mono ou cada un descende dun animal distinto?”).  Touriñán fai un repaso pola vida dos seus devanceiros/as e pola súa propia, incitando os espectadores a que fagan o mesmo para rematar respondendo á nai de todas as cuestións: “si, aquí estou, pero… por qué?”

O arrinque desta nova quenda dos monólogos R terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense (rúa da Canle, 2, 32004) este venres, 28 de febreiro, en sesión única ás 21:00 h. O aforo é limitado e para acudir ao evento cómpre que os clientes conten con algún dos convites de R.

E como xa é tradición nos monólogos R, non faltarán tampouco desta volta as fotos do actor cos asistentes ao remate do espectáculo. Tras recalar en Ourense, os monólogos R visitarán as cidades de Vigo e da Coruña.

41.000 asistentes, 30 localidades e un feixe de monologuistas galegos 

Con estas accións, especialmente pensadas para os clientes de R, dáselle percorrido ao formato do monólogo, que o operador galego leva escollendo dende 2008 para manterse preto da súa xente. É unha aposta permanente polo talento do país, polo enxeño e polo humor, seica esta última unha das maneiras máis rápidas e eficaces de acurtar distancias entre as persoas.

De feito, son xa máis de 10 anos que falan de cheos totais nas convocatorias destes espectáculos nos que hai garantida risa a esgalla. E coma mostra, as cifras: ata a data acadouse unha cantidade de preto de 41.000 asistentes aos monólogos R, desenvolvidos non só nas sete principais cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol) senón tamén noutras moitas localidades da comunidade coma Viveiro, Vilalba, Ordes, Xinzo da Limia, Sarria, O Carballiño, Carballo, Ribadeo, Verín, Lalín, A Estrada, Melide, Noia, Allariz, As Pontes de García Rodríguez, O Barco de Valdeorras, Ponteceso (O Couto), Porriño, Cee ou Boiro, ata chegar a un número duns 30 concellos visitados.

A respecto do talento galego, polos monólogos R pasaron actores, humoristas e/ou monologuistas soados coma Oswaldo Digon, David Amor, Isi, Pepo Suevos, Carlos Blanco, Rober Bodegas, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Javier Veiga, Víctor Grande, David Perdomo ou o propio Xosé A.Touriñán.

Sobre Touriñán

“Rir para vivir” é o lema de referencia de Xosé Antonio Touriñan (Culleredo, 1980). Touri para moitos, entrou nos fogares de Galicia como Mucha, das “Cantareiras de Ardebullo”, xunto co seu amigo incondicional Marcos Pereiro (Nucha), e dende entón ten interpretado unha morea de personaxes en diferentes programas e formatos. Pasou pola Televisión de Galicia con “Padre Casares”, “Air Galicia”, “Tourilandia”, “Land Rober”, “Tunai show” ou “Era visto” e mesmo pola tele nacional no papel de Charlín da serie “Fariña”. Na actualidade está a gravar “El desorden de dejas” para Netflix, e xira polos teatros galegos cos espectáculos “Unha noite na praia” e “Fariña”. É o director do festival de comedia e tradición “Castelo Conta” na súa terra natal.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.