O impacto dos parques eólicos no desenvolvemento rural, premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía

Este certame recoñeceu tamén na súa sexta edición a tese de doutoramento de Adrián Dios Vicente centrada na evolución histórica de Unión Fenosa

A relación entre a implantación dos parques eólicos e o desenvolvemento rural en Galicia ao longo dunha década é o punto de partida da investigación realizada por Damián Copena e Xavier Simón, premio Valentín Paz Andrade, impulsado pola USC, de investigación en economía na categoría de traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas. O artigo da revista Renewable and Sustainability Energy Reviews estima os pagos medios aos propietarios e o fluxo total de ingresos xerados polo vento que chegou ás zonas rurais, en 0,84 millóns de euros en 1999 e de 10,1 millóns en 2015.

A investigación aborda os destinos finais de ingresos eólicos e identifica varios exemplos da dinamización do rural. “Os propietarios rurais desenvolveron iniciativas comunitarias moi innovadoras desencadeando a dinamización económica local a pesar do marco normativo actual”, sinalan os autores no texto. O artigo conclúe que un marco normativo máis vantaxoso podería ter un impacto local moito maior. O xurado destacou o carácter novidoso do traballo e a minuciosidade do mesmo, “cun rigoroso análise empírico que permite tirar conclusións relevantes para o deseño de políticas de dinamización do mundo rural relacionadas coa enerxía eólica”, sinala a acta.

Na modalidade de teses de doutoramento, a sexta edición do Valentín Paz Andrade recoñeceu o traballo de Adrián Dios Vicente titulado Historia de Unión Fenosa no marco do sector eléctrico, 1982-2008. Evolución empresarial, financeira e impacto do marco regulador. O xurado destacou a relevancia do obxecto de estudo e o rigor metodolóxico da tese, abordando un tema escasamente analizado ata agora, “que tivo fondas repercusións no sector enerxético e sobre o que esta tese fai unha contribución sobresaínte”, apunta a acta do xurado.

A entrega dos galardóns correspondentes a esta sexta edición desenvolveuse este mércores no Salón de Graos do Colexio San Xerome. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López e no mesmo tamén tomaron parte Agustín Hernández Fernández, presidente do Consello Económico e Social (CES), e Alberto Meixide Vecino, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), quen tamén actuou como secretario do xurado. O reitor subliñou na súa intervención que a investigación en Ciencias Sociais é “transcendental e necesaria para facer país”.

O Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade é convocado conxuntamente polo IDEGA da USC e o CES, para premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar dos seus cidadáns.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

20 − 12 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.