Os Esenciais USC achegan o galego á docencia

A Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica vén de dar a coñecer a convocatoria 2020 que permitirá a edición de 15 novos títulos que se sumarán aos cinco presentados este mércores

Dotar ao alumnado dunha guía de referencia que o acompañe no proceso de aprendizaxe dos contidos dunha materia é a finalidade dos Esenciais, recursos orientados a apoiar o traballo do profesorado e do alumnado que a USC acaba de presentar este mércores en Medicina. O acto de presentación serviu para que o reitor Antonio López, acompañado polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, e polo responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala, presentase os cinco primeiros esenciais, así como a apertura dunha nova convocatoria ao abeiro da cal preténdese dar luz a quince novos títulos.

“Os Esenciais nacen como ferramenta que permite achegar o galego á docencia”, destacou o reitor na súa intervención. En consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos, os Esenciais permitirán “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na universidade, así como transmitir información veraz e crear materias válidos para o Ensino Secundario e para o eido profesional como pode ser o SERGAS”, destacou o vicerreitor Feijoo Costa. “Os Esenciais conforman un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas”, destacou alén de subliñar que no futuro preténdense cubrir con estes recursos as cinco grandes áreas de coñecemento. Pola súa parte, Núñez Singala destacou que esta iniciativa permite “ofrecer recursos condensados do saber que conteñen o esencial dunha materia”. No acto tamén estivo presente a vicerreitora de Organización Académica Celia Besteiro.

Esenciais presentados

Ana Isabel Rodríguez Pérez e Juan Suárez Quintanilla do Departamento de Ciencias Morfolóxicas, e José Eugenio Rodríguez Fernández de Didácticas Aplicadas son os autores do Esencial ‘Anatomía humana. Cabeza e tronco’. Os mesmos autores, tamén no eido da anatomía humana, elaboraron un Esencial dedicado ás extremidades. Eva Rodil Rodríguez do departamento de Enxeñaría Química é a responsable da guía ‘Simulación no Aspen HYSYS (v.9). Introdución á simulación en estado estacionario’. Finalmente, Marta Lores Aguín  e Carmen García Jares do departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía son autoras do Esencial ‘Técnicas analíticas e instrumentais. Introdución ás técnicas espectroscópicas espectro(foto)metría de absorción molecular UV/Vis’. Ambas as dúas autoras son tamén as responsables dunha guía sobre a introdución ás técnicas de separación cromatográficas.

Nova convocatoria

O acto serviu tamén para dar a coñecer a nova convocatoria dos Esenciais impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística, para o presente ano 2020. A Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica apoiará e financiará a elaboración e edición de quince títulos para esta colección. Poderán presentar propostas de Esenciais USC, persoal docente e investigador da Universidade a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. Tanto no caso individual como no de grupo cómpre que polo menos unha das persoas participantes sexa profesorado con vinculación permanente.

Os proxectos que se presenten a esta convocatoria deberán dirixirse preferentemente a fornecer de maneira didáctica e resumida conceptos esenciais dunha materia ou grupos de materias dos primeiros cursos de graos universitarios. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato. A comisión que valorará as propostas terá en conta a calidade lingüística e o impacto científico, entre outros aspectos. As mesmas poderán presentarse ata o vindeiro 13 de marzo.

Coa colaboración de Elsevier, quen cedeu imaxes para os Esenciais, da Real Academia Galega de Ciencias e da Xunta de Galicia, estas guías edítanse en diferentes formatos e poderán ser adquiridos en determinados puntos do campus e en librarías.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ocho + 20 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.