Tellado: “Mentres todos os partidos do multipartito falan de Feijóo, o PPdeG vai falar de Galicia”

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que, mentres todos os partidos do multipartito falan de Feijóo, o PPdeG vai falar da nosa Comunidade: “Da Galicia dos próximos dez anos, dunha Galicia en positivo, do noso proxecto para unha Galicia que nos ilusiona e nos apaixona, fronte a unha que parece que amarga á oposición”

Nese senso, lembraba que moitos partidos e moitos líderes políticos están empregando a precampaña en falar do líder do PPdeG. “Todos eles comparten un único obxectivo, que é que Feijóo deixe de ser presidente”, dixo resaltando que non teñen candidato, nin programa nin máis proxecto para a nosa Comunidade que o de chegar á Xunta a calquera prezo.

Pola súa parte, afirmou que o PPdeG está máis mobilizado, ilusionado e motivado que nunca para acadar o reto da cuarta maioría absoluta, explicando que os populares están traballando na elaboración do programa electoral, na organización da campaña e na habitual axenda de precampaña do presidente.

Precisamente no que respecta á precampaña, manifestou que querían que estivese marcada pola proximidade e o contacto do presidente cos galegos que se achegan a el para amosarlle o seu cariño e gratitude, darlle ánimos nas semanas que quedan por diante e tamén ideas para o programa electoral.

“A Galicia da vindeira década construímola entre todos, constrúese para todos e tamén se constrúe escoitando a aqueles que teñen algo que dicir”, recoñeceu expresando que consideran que non hai nada que ilustre máis o punto de encontro, a proximidade e a capacidade de sentarse a falar e a escoitar que unha taza -deseñada exclusivamente para este fin- e un café, xusto o que queren transmitir nesta precampaña.

“Queremos que a xente se achegue ao presidente, que o vexa no seu punto de encontro habitual, no seu concello e que o escoite, pero tamén que lle fale e lle amose as súas inquedanzas. E facémolo apostando pola magnífica artesanía galega, que demostra que desde a Comunidade tamén se pode ser universal”, salientou admitindo que cando din que “Galicia é Moito”, refírense, sobre todo, á nosa xente, “á que lle pedimos a súa confianza e a que nos leva dando todos estes anos a oportunidade de seguir traballando por Galicia”.

REIVINDICAR O QUE CORRESPONDE AOS GALEGOS

Por outra banda, Tellado falou da nova negativa do Executivo de Sánchez a recoñecer e pagar a débeda que mantén con Galicia. Como sinalou, onte a senadora Elena Muñoz preguntou no Senado á ministra de Facenda polos 170 millóns de incentivos por cumprimento do déficit e a resposta foi a de sempre: “O Goberno non quere pagar nin os cartos que lle corresponden aos galegos pola recadación do IVE nin os cartos que lle corresponden aos galegos por ter unha Xunta que cumpre as regras e que se comporta de xeito leal co Estado”.

“Xa sabemos que a este Goberno só lle gusta compracer a aqueles que son desleais co Estado e só lle gusta cumprir cos que incumpren as leis e a Constitución. Pero gustaríanos que, por unha vez, tanto os socialistas galegos, como os seus socios das Mareas de Podemos e do BNG reivindicasen os 370 millóns de euros que son de todos os galegos e lle retirasen o apoio a un Executivo que se ri todos os días de Galicia”, aseverou.

CONMEMORAR UNHA DAS DATAS MÁIS IMPORTANTES

Por último, o secretario xeral avanzou que o PPdeG celebrará o vindeiro 1 de marzo un acto multitudinario con motivo dos 11 anos do primeiro triunfo electoral do presidente. Este evento terá lugar en Ourense e contará coa presenza do presidente Pablo Casado e do presidente Mariano Rajoy.

Tellado subliñou que o obxectivo é conmemorar unha das datas máis importantes da historia recente do partido, xa que o triunfo de 2009 en Galicia foi un paso fundamental para que o PP volvese á Moncloa en 2011 e un novo triunfo en 2020 sería determinante para que o Partido Popular volva ao Goberno nas vindeiras eleccións.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.