@UvigoPontevedra. Mariscadoras que se reivindican a través da arte

DUVI Pontevedra 

Tomar como punto de partida a tradición artesanal do traballo con cunchas das vilas costeiras de Galicia para levalo ao ámbito da creación e xerar unha obra que reivindicase e dese visibilidade ao seu labor como mariscadoras. Esta idea constituía o punto de partida do proxecto que a profesora da Facultade de Belas Artes Natividad Bermejo levou a cabo cun grupo de mariscadoras pertencentes á Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. Baixo o título de 12 mulleres do mar. Vilanova de Arousa, esta actividade levou ás participantes a elaborar, nun “taller experimental”, obxectos escultóricos que reproducen en gran formato o símbolo da muller valéndose das cunchas como materia prima.

Asociación de Mulleres do Mar de Arousa “créase para promover o papel activo das mulleres que están vinculadas ao mundo do mar”, apunta Bermejo, que sinala nese senso que o obxectivo deste proxecto era precisamente “desde a arte, tratar de dar visibilidade e por en valor o seu labor e a elas mesmas”.

Nese senso, explica que se tratou dun “traballo colaborativo”, no que “non era tan interesante o obxecto que se puidese xerar como o propio proceso”, que esta docente define como “un interruptor para crear unha situación na que elas entren en contacto coa arte e elaboren algo que lles represente”.

Un proceso aberto e colaborativo

“Como elas recollen ameixas ou berberechos, pensei na tradición galega de traballar coas cunchas na artesanía ou na fabricación de obxectos”, explica Bermejo, que buscou nese senso que o taller servise tamén para “reciclar un material da súa zona que ten uns valores escultóricos interesantes”. Previamente, unha serie de xuntanzas permitiron tamén á artista “coñecer o seu traballo, a súa asociación, os seus intereses e reivindicacións”, xa que outra das súas ideas era tamén a de “traballar segundo as necesidades que elas formularon”.

Parte dos resultados do obradoiro presentaranse nunha exposición en La Habana

De feito, foi a raíz deste achegamento á asociación como xurdiu a proposta de Bermejo de traballar co símbolo da muller, tendo en conta, sinala, “a función representativa dos símbolos e a súa capacidade de reforzar os sentimentos comunitarios”. A partires de aí, desenvolveuse un “traballo colaborativo” no que, como explica a docente, “foron xurdindo outras ideas”, como a elaboración, tamén con cunchas, dunha peza que reproduce o logotipo da asociación, “e que poderán empregar na manifestación do Día da Muller, o 8 de marzo, ou levalo a congresos”.

Do mesmo xeito, as propias ideas que ían xurdindo durante o taller e as posibilidades que outorgaba o propio espazo no que se levou a cabo, a lonxa de Vilanova, fixo tamén que fosen xurdindo outra serie de propostas, como a realización dun traballo fotográfico que continúan desenvolvendo.

Unha iniciativa que viaxará ata Cuba

A idea que deu pé a este taller partiu do feito de que Bermejo fose unha das artistas convidadas a participar, o vindeiro mes de marzo en La Habana, na exposición Brujas y Mariposas, que a profesora de Belas Artes Ana Seoane coordina xunto con Mercedes Cabada e a profesora de La Universidade de la Habana Hilda Alonso. A mostra, que reunirá os traballos de 15 artistas galegas e outras 15 cubanas, servirá así para presentar algúns resultados deste “taller experimental”, como fotografías, unha descrición do proxecto ou algún outro de propostas que, na colaboración que Bermejo ten coas participantes no taller, poidan desenvolverse nas próximas semanas.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.