Revista do Fútbol Feminino Galego – Número 78 (marzo, 2020)

Carlos Castro

Foi desas veces nas que unha derrota sabe a vitoria. O que fixo o Deportivo no Johan Cruyff é de titular.
As rapazas dirixidas por Manu Sánchez volveron escribir unha páxina de gloria fronte ao Barcelona, que probablemente estea entre os dez mellores equipos do mundo. O 24 de novembro, no mesmo escenario, e en partido de Liga, o conxunto galego apañara un 6-1, a maior goleada sufrida na súa historia. O cadro demorou só unha estación, tres meses e dous días, en demostrar que aprendera como defender ao conxunto catalán, que practicamente traduce os seus partidos en goleadas.

De 27 partidos, que engloban a Liga, a Copa de España e a Copa de Europa, só en nove deles non foi quen de superar os seus rivais por tres ou máis goles. Se ademais nos centramos neses nove nos que pasou máis dificultades, salientamos que un foi contra o At. Madrid e dous contra a Juventus. Se a análise focalizámola no Johan Cruyff, en trece partidos só a Juventus, o Rayo Vallecano e o Granadilla, perderon por menos de tres e, dentro deste trío, só as transalpinas fixérono pola mínima en 90 minutos. Estes datos mostran friamente o valor desa derrota e a grandeza que ten este conxunto deportivista.

Todo isto lévanos a unha reflexión sobre a expansión do fútbol feminino da que o Deportivo xa forma parte de xeito cualitativo. Se o fútbol manexa máis diñeiro que o resto dos deportes no Vello Continente, por que a UEFA non dá o paso á creación dunha segunda competición continental como acontece no baloncesto ou no balonmán?

Sabemos que o Deportivo non chega ao nivel de equipos como o Barcelona e o At. Madrid, que se verán as caras nos cuartos de final da Women’s Champions League, pero en Europa, entre os equipos de segundo nivel das máximas categorías, competiría de igual a igual contra Girondins, Hoffenheim, Manchester United, Milan ou Kristianstads? Sería moi atractivo ver ao Deportivo engadir no seu histórico a presenza oficial nunha competición continental como a Europa League feminina. O crecemento precisa de novas conquistas. Asinado o Convenio, formúlanse novos horizontes aos que chegar.

 

 

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.