A Deputación de Lugo reduce ao “mínimo imprescindible” o traballo presencial

Todo o persoal cuxas funcións o permitan prestará servizo dende o seu domicilio e o persoal con funcións básicas para garantir o funcionamento da institución que deba desempeñalas de forma presencial farao por quendas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asinou a primeira hora da mañá deste luns un decreto que supón a redución ao mínimo imprescindible da presencia de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais establecendo traballo non presencial, atención telefónica e quendas co fin de compatibilizar o mantemento das funcións básicas da institución provincial coa obriga de minimizar os riscos de contaxio ante a emerxencia de saúde pública provocada polo coronavirus COVID-19. Deste xeito, todo o persoal cuxas funcións o permitan prestará servizo dende o seu domicilio e o persoal que ten funcións básicas para garantir o funcionamento da institución que deba desempeñalas de forma presencial  farao por quendas.

En concreto, o decreto asinado hoxe inclúe as seguintes medidas, que reforzan as anteriormente adoptadas pola Deputación:

  • Todo o persoal provincial cuxas funcións permitan o seu desenvolvemento a distancia prestará o servizo dende o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial
  • Todo o persoal provincial que realice funcións que non poidan ser desempeñadas mediante o traballo non presencial deberá permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente, agás que desempeñen funcións de carácter crítico para o funcionamento da Administración provincial. Considérase persoal con funcións de carácter crítico ao persoal directivo, xefaturas de área e de servizo, así como o vinculado a funcións tales como a seguridade, o mantemento dos edificios e as comunicacións ou outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e aqueloutros que determinen os órganos directivos, xefaturas de área e de servizo, por considerarse necesarios para garantir a continuidade das funcións básicas desenvolvidas pola Deputación. O persoal con funcións de carácter crítico deberá acudir ás dependencias provinciais cando o desempeño das súas funcións así o esixa e en tal sentido se determine.
  • Nos casos excepcionais nos que unha función crítica deba desempeñarse de forma presencial, estableceranse as quendas imprescindibles para garantir a prestación do servizo.
  • Todos os empregados públicos provinciais deberán permanecer localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo presenciais se así se lles require por necesidades excepcionais do servizo.
  • As medidas de carácter extraordinario terán a duración imprescindible para dar resposta á situación que motiva a súa adopción, e poderán ser revogadas por necesidades excepcionais do servizo e, en todo caso, cando cesen as recomendacións das autoridades sanitarias.

Así mesmo, e de acordo co disposto no Real Decreto polo que se declarou o Estado de Alarma en todo o territorio estatal, suspéndense e interrómpense todos os prazos de tramitación dos procedementos da Deputación. O seu cómputo renovarase no momento en que perda vixencia o Real Decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

Por outra banda, como xa informou onte a institución, queda suspendido o Pleno extraordinario que estaba previsto para o vindeiro venres, día 20, así como todas as sesión periódicas ou ordinarias dos órganos colexiados provinciais, isto é, Xunta de Goberno, Pleno da Corporación e comisións informativas, durante a vixencia do Estado de Alarma ou, de ser o caso, das prórrogas do mesmo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.