A Policía Local da Coruña intensifica os controis de paisano

O corpo de seguridade reforza con profesionais as tarefas de seguimento e detección das persoas que desatenden o decretado polo Estado con respecto ao confinamento

A Policía Local intensificará o control estes días con patrullas de paisano que apoiarán as e os axentes uniformados, co fin de realizar un seguimento e detección das persoas que pretenden burlar as restricións e simulan actividades que están permitidas, como saír mercar alimentos e outros produtos de primeira necesidade. Desde o corpo, detectaron, por exemplo, situacións de veciñas e veciños que levan consigo barras de pan para alegar se os paran que viñan de compralo, sen reparar en que os policías non queren denunciar, senón que só buscan que se respecten as restricións decretadas polo Estado polo interese xeral e para evitar que se propague o coronavirus.

Por outro lado, desde o 092, préganlle á cidadanía que cumpra coas normas básicas de convivencia nos domicilios en que pasan todo o día bebés, nenas e  nenos, e persoas maiores, moitas delas enfermas/os e vulnerables aos ruídos e outras perturbacións evitables cunha conduta cívica normal. A policía recibiu estes días numerosas denuncias de particulares por ruídos provocados por pequenas obras no interior das vivendas, música alta, festas familiares ou de amigas/os e incluso pola utilización irresponsable das zonas comúns das comunidades veciñais, como patios interiores ou escaleiras para se reunir, xogar, facer deporte ou bailar, sen as medidas de seguridade pertinentes.

O corpo de seguridade pídelles sentido común e responsabilidade ás coruñesas e coruñeses e que pensen nos demais, en especial nas persoas enfermas e nas máis vulnerables, para que leven o mellor posible este confinamento obrigatorio nas súas casas e incluso que as e os veciños eviten expoñer innecesariamente as e os axentes policiais a posibles contaxios ao entraren en domicilios para estas infraccións absurdas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.