A provincia de Lugo proxectada a nivel mundial ao colaborar coa serie de Netflix ‘O Sabor das Margaridas’, que se estrea hoxe na TVG

A segunda temporada deste proxecto audiovisual incorporado á plataforma Netflix e subtitulado en máis de 30 idiomas, inclúe seis episodios rodados en localizacións da provincia de Lugo, como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a capital lucense

A Deputación de Lugo impulsa a proxección internacional da provincia colaborando economicamente coa produción da segunda temporada de O Sabor das Margaridas, a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix, que se estrea este domingo pola noite na Televisión de Galicia.

Nesta segunda temporada a provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense. O Presidente da Deputación, José Tomé, subliña que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”, asegurou.

Tomé Roca salienta o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.

A nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.

O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.