A RAG comparte na Rede poemas póstumos de Gonzalo López Abente

A institución completa a dixitalización das composicións que conserva do poeta da Costa da Morte, agora dispoñibles en liña para todo o público a través do Arquivo Dixital de Galicia

Tal día coma hoxe, o 24 de marzo de 1878, nacía en Muxía Gonzalo López Abente. O escritor participou no movemento de renovación da literatura galega promovido polas Irmandades da Fala con novelas como O diputado por Veiramar (1919) ou a obra de teatro María Rosa (1921) –estreada polo Cadro de Declamación das Irmandades da Coruña–, mais na súa obra sobresaen os versos que, en palabras de Vicente Risco, o converteron no mellor poeta do mar. A Real Academia Galega conserva unha boa mostra dun universo creativo que sempre tivo como epicentro a Costa da Morte, unha serie de textos autógrafos que permaneceron inéditos ata despois do pasamento do autor. A institución acaba de completar a dixitalización deste fondo documental, dispoñible na Rede a través do Arquivo Dixital de Galicia.

«[Gonzalo López Abente ] foi sempre un namorado dos silencios de Muxía, dos poentes enxergados dende a soleira da Nosa Señora, dos calmos paseares polas praias e costas e as terras que a ilas deitan pautadas por os ríos calados. A xeografía poética de López Abente alóngase pouco, afonda moito e tén a Muxía por síntesis, chave e rosa», despedíao Ramón Otero Pedrayo na necrolóxica publicada no Boletín da Real Academia Galega tras a súa morte en 1963. Proba deste retrato son os manuscritos do autor conservados na RAG, cuxo valor especial radica na súa natureza inédita. De feito, a partir deles fixéronse dúas das edicións póstumas de López Abente.

Co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedicou, a Academia editou en 1971 o poemario Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca, quince composicións dedicadas á virxe muxiá que Gonzalo López Abente lle entregara ao académico e daquela presidente da institución, Sebastián Martínez-Risco, en 1960. Catro décadas despois sairía do prelo Bretemada, unha edición ao coidado de Miro Millar que reproduce cen poemas escritos entre 1917 e 1922. O fondo documental do creador de Muxía na RAG inclúe tamén outros poemas que foron igualmente dixitalizados, completando así o traballo previo de catalogación e descrición desenvolvido polo arquivo.

A TEMPESTADE

(…)

A rexa tempestade, o vento fero

e o mar que se retorce e ruxe de ira

non son capaces de torcer a senda

que sigue a barca miña.

É forte o corazón, o brazo é forte

i-o amor mais forte ainda.

Corre ben, negra barca, que o meu faro

coma unha estrela brila!

Meu amor, meu amor,

cara ti vou axiña!

Fragmento do poema “A tempestade”

Reproducido a partir do mecanoscrito de Bretemada

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.