A USC crea unha Oficina Virtual de Atención

Este servizo que se manterá activo durante o estado de alarma está estruturado en catro áreas dirixidas a Estudantes, Investigación, Persoal e Asuntos Xerais

Estruturada en catro áreas dirixidas a Estudantes, Investigación, Persoal e Asuntos Xerais, a USC pon en funcionamento unha Oficina Virtual de Atención, concibida como unha canle de comunicación alternativa e especializada, con capacidade para relacionarse co persoal que está prestando servizos en modalidade de teletraballo, así como co resto de persoas usuarias. A protección da saúde, tanto do persoal, como do resto da comunidade universitaria, constitúe a máxima prioridade para a Universidade, a cal está a desenvolver a súa actividade de modo non presencial. En coherencia con esta premisa, esta Oficina Virtual manterase activa durante o tempo que perdure o estado de alarma por mor da crise do virus Covid-19.

A coordinación da Oficina será asumida polo director do Gabinete do Reitor, Carlos Toural Bran, e encargaranse da súa atención cinco persoas por canle telefónica a través de móbil corporativo no que instalarán Whatsapp, alén do correo electrónico, a fin de favorecer a inmediatez na resposta. O horario de atención telefónica será de 9.00 a 14.00 horas.

Estudantes

A sección da Oficina dedicada a Estudantes atenderá cuestións relativas a docencia, matrícula, bolsas, convocatorias anticipadas de mestrado e doutoramento e, en xeral, o relativo aos estudos oficiais e propios da USC. As dúbidas desta área poden enviarse ao enderezo estudantado.oficinavirtual@usc.gal ou aos teléfonos 647344108 e 647344048

Persoal

Esta área atenderá todas as preguntas relativas a trámites de xestión de persoal –baixas por incapacidade temporal, permisos, licenzas, retribucións, convocatorias de selección e provisión e outros– do Persoal Docente e Investigador, do Persoal de Administración e Servizos e do persoal contratado con recursos de I+D. O móbil  600942369 ou o enderezo electónico persoal.oficinavirtual@usc.gal serán as súas canles de comunicación coa comunidade universitaria.

Investigación

Atender as cuestións relativas a actividades de I+D, convocatorias, xustificación de actividades, entre outros aspectos, é a misión desta parte da Oficina Virtual de Atención. As vías para contactar con ela son o móbil 600942262 ou o mail  investigacion.oficinavirtual@usc.gal

Asuntos xerais

Este apartado atenderá información relativa a asuntos económicos, asuntos xurídicos, empresas contratistas, infraestruturas, e outros servizos á comunidade universitaria que non estean contemplados nos apartados anteriores. Poden enviarse as cuestións relativas a este eido ao 647344312 ou ao correo asuntosxerais.oficinavirtual@usc.gal

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.