A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo recomendan suspender as visitas fixadas cos avós por ser un colectivo de risco

 

A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, tendo en conta a declaración do estado de alarma por parte do Consello de Ministros e as medidas adoptadas pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para adaptar a referida declaración ás circunstancias e necesidades dos distintos órganos xudiciais galegos, procedeu a adoptar un acordo sobre unha serie de criterios orientativos dirixidos aos xuíces de Familia de Vigo en materia de cumprimento de réximes de custodia e visitas de fillos menores durante a vixencia do estado de alarma debido á crise sanitaria do Covid-19.

A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo lembra que a suspensión de prazos e da actividade xudicial establecida no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, non implica a suspensión automática das medidas sobre réximes de custodia e visitas de fillos menores, xa que a obriga xeral de cumprimento das resolucións xudiciais non vén afectada pola devandita suspensión, como sinalou a Comisión Permanente do CXPX, que engade que iso non significa que a execución práctica do réxime establecido non se vexa afectado polo disposto no RD 463/2020, xa que a necesidade de protexer a saúde de fillos e proxenitores pode impoñer, segundo as circunstancias, a necesidade de modular ou modificar o réxime de custodia, visitas ou estancias e, por iso, alterar ou suspender a execución das medidas que estean acordadas ou a súa maneira de levalas a cabo.

Os xuíces tamén indican que para o desenvolvemento do sistema de custodia, durante a vixencia desta excepcional situación, deberán ser os proxenitores os que acorden -polo ben superior dos menores e por encima de enfrontamentos ou intereses propios- o sistema de custodia e visitas, así como as medidas e prevencións a adoptar para garantir a súa saúde e o seu dereito á relación con ambos proxenitores.

A Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, prevalecendo o acordo ao que cheguen ou chegasen os proxenitores, fixou as posibles seguintes pautas de actuación:

-Salvo que concorran circunstancias concretas que o desaconsellen, os intercambios en custodias compartidas deberían manterse, sen visita intersemanal, de estar establecida.

-Con carácter xeral, procede manter as visitas de fin de semana en caso de custodia individual, parecendo prudente suspender as visitas intersemanais, en especial se son sen pernoita.

-As entregas e recollidas realizaranse coa necesaria salvagarda da saúde das partes, especialmente dos menores.

-Cando non se leven a cabo as visitas establecidas en resolución xudicial polo motivo que sexa, deberá promoverse e facilitarse polos proxenitores a comunicación frecuente dos menores con aquel que non convivan, por medios tecnolóxicos (teléfono,  videochamada…). Parece do todo adecuado, unha vez finalizado o estado de alarma decretado, compensar na medida do posible os períodos de visitas non gozados.

-Pode ser conveniente suspender as visitas fixadas cos avós por ser un colectivo de risco nesta excepcional situación.

Os criterios establecidos, segundo destaca a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, son “simples pautas xenéricas de actuación para facilitar o entendemento entre as partes e de ningún xeito son executables nin poden prevalecer sobre os acordos dos proxenitores”.

Respecto aos procedementos de execución que, no seu caso, se presentasen, a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo especifica que non se tramitarán nesta situación excepcional. Así, procederase ao rexistro telemático da demanda executiva, sempre que se presente por vía lexnet, e dada a actual suspensión dos prazos procesuais, daráselle o trámite ordinario unha vez alzada a declaración do estado de alarma.

O ámbito dos procedementos de xurisdición voluntaria do art. 158 do CC, segundo a Xunta de Xuíces de Familia de Vigo, deberá reservarse a situacións de risco real para os menores, fóra das cales se inadmitirán a trámite, sen que caiba pola devandita vía revisar os réximes vixentes, obter o seu forzoso cumprimento ou obter unhas medidas no caso de que ata agora non se acordasen. Ademais, os xuíces exhortan aos proxenitores en momentos como o actual a que solucionen as súas diferenzas no ámbito familiar ou auxiliados polos seus letrados, evitando colapsar os xulgados con peticións alleas a ese risco real do menor que non van obter unha resposta xurisdicional.​

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

trece − 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.