Bosch e Unísono non aplican medidas especiais ante o COVID-19, CCOO puxo os feitos en coñecemento da inspección de Traballo

A Federación de Servizos de CCOO dirixiuse ás empresas Bosch e Unísono para esixirlles medidas que garantan a seguridade e saúde laboral nos seus centros de traballo de Vigo. Nestas empresas, un numeroso cadro de persoal comparte espazos moi próximos, sen que se teñan tomado medidas especiais para previr un contaxio por coronavirus COVID-19. Por esta razón, o sindicato puxo os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo.

No día de onte, Bosch manifestou a súa vontade de implementar medidas de contixencia e permisos para o persoal. Porén, hoxe responde que só se fará «en casos excepcionais», polo que actualmente as traballadoras e traballadores fan o seu laor habitual, sen que se teña en conta a normativa actual relativa ao COVID-19.

Canto a Unísono, o persoal entrou e saíu dos seus postos de traballo sen poder manter a distancia de seguridade. Os postos non foron hixienizados e están a unha distancia inferior a un metro. Tampouco hai a disposición xeles para as mans.

CCOO pediulle á Inspección de Traballo e Seguridade Social que transmita as pautas de actuación a seguir, co obxectivo prioritario de actuar «coa máxima dilixencia posible» nos centros de chamadas no caso de que se confirme algún caso de contaxio por coronavirus.

Medidas solicitadas por CCOO

CCOO-Servizos pídelles ás empresas do sector dos centros de chamadas que implanten o teletraballo como fórmula prioritaria para todas as campañas, sempre de xeito voluntario. Tamén, a adaptación de horarios e flexibilización nas entradas e saídas; o establecemento de 1,5 metros de seguridade entre persoas, o que implica deixar un posto baleiro entre cada traballador ou traballadora; fornecer xeles desinfectantes hidroalcohólicos; a apartura das portas dos centros de traballo, para evitar riscos innecesarios; a limpeza completa de todos os elementos dos postos nos cambios de quendas; facilitar cascos e auriculares individuais como medida adicional; limpeza exhaustiva todos os días, previa ventilación do centro de traballo; e o permiso retribuído para persoas inmunodeprimidas ou en situacións vulnerables de risco.

Segundo CCOO, desde o primeiro momento desta crise sanitaria, o sindicato bateu coa negativa das empresas a realizar teletraballo aludindo a motivos de protección de datos. Por esta razón, Comisións tamén se dirixe aos seus clientes —entre os que están Administracións e grandes empresas como Iberdrola, BBVA, Teléfonica ou Orange— para lembrarlles que as medidas sanitarias «son para toda a sociedade, sen distincións».

CCOO agarda que se produza unha pronta rectificación na actitude das empresas, xa que nalgúns centros de chamadas galegos xa tivo que acudir a policía para levantar acta e mesmo, no caso máis grave, obrigar a pechar o centro de traballo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.