Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus

No devir dos últimos días, sexa cal sexa a fonte de información, as persoas maiores sitúanse baixo o foco. Isto débese a que é este o colectivo máis vulnerable e afectado polas consecuencias do coronavirus. Arrastrando, consigo, unha triste e desoladora realidade na que debemos centrar todos os nosos esforzos e por suposto, tamén, os nosos recursos

A Educación Social galega, como non podería ser doutro xeito, súmase ao recoñecemento de todas aquelas e aqueles profesionais  que, por mor da súa responsabilidade laboral, non poden quedar na casa e saen día tras día a desempeñar as tarefas que lle corresponden, coidando así daqueles/as que no seu momento xa coidaron de nós.

Dende o GEIX, somos conscientes da realidade que están a vivir as persoas maiores nestes momentos e queremos trasladar, tanto ás profesionais como usuarias, o noso máis sincero apoio nestes momentos que nos está tocando vivir. A desatención por falta de recursos, a urxencia de respectar protocolos pouco viables, a necesidade de ofrecer ás familias unha atención de calidade ás súas demandas… Son algunhas das situacións que nos xeran, día tras día, angustia e desesperación.

Para todas e todos: moita forza.

Podemos dicir, de xeito concreto, que a terceira idade en contexto institucional, é un colectivo, se cabe, aínda máis especial. Convivir cun grupo de iguais nun centro ou residencia, acostumarte ao desenvolvemento de certas rutinas diarias, ser atendido/a por profesionais altamente formados/as e de confianza, a proximidade, a calidez… o bo trato e a atención centrada nas persoas é algo que estamos vendo alterado hoxe en día.

Neste senso, dende o GEIX, condenamos calquera situación que dificulte ou impida o pleno desenvolvemento das funcións de Educadores e Educadoras Sociais, así coma o resto de profesionais sociosanitarias, no ámbito de Persoas Maiores con garantías de calidade.

É o momento de devolver aos nosos/nosas maiores todo canto nos aportan e aportaron no seu día. E tempo de estar á altura, de traballar xuntos/as e esixir melloras, de garantir uns coidados de calidade. É tempo de seguir na loita. É tempo de Educación Social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.