Eficiencia contra a pobreza. Por Xoán Antón Pérez-Lema

A recente visita ao estado español do relator da ONU sobre a pobreza extrema e os dereitos humanos, Philip Alston,  amosou unha situación de exclusión impropia de sociedades co PIB e renda per cápita das europeas. O moi elevado nível de desemprego, a extrema desprotección do dereito á vivenda e a pobreza xeralizada de minorías como a cigana e das persoas con diversos níveis de discapacidade cualifican ao estado español como aquel que acubilla sociedades das máis inxustas da Europa, quizais hoxe só por baixo de Grecia ou Romenia.

É probábel que a extrema desigualdade española non sexa tan punxente na Galicia, malia que Alston critique ácedamente a desprotección á que condenamos a nosa poboación rural e, sobre todo, a poboación maior galega que vive no mundo rural.

Os problemas da pobreza severa e. sobre todo, dos riscos graves de exclusión, son problemas para sermos abordados con eficiencia. É dicir, axiña e a xeito. Os bombeiros, as urxencias sanitarias ou a policía de seguranza atenden cadansúa urxencia nos 5 minutos posteriores á alarma. As urxencias sociais (mulleres que marchan do seu fogar por mor dunha traumática separación, familias monoparentais, persoas que esgotan prestacións ou sofren o despexo da súa vivenda) requiren intervencións inmediatas.

E velaiquí o fracaso do modelo actual dos servizos sociais na nosa Galicia. Non podemos destragar o labor das persoas responsábeis dos servizos sociais enchendo papeis ou fornecendo outros requisitos burocráticos. Precisamos, pola contra, intervencións urxentes e eficaces destes profesionais públcios.

E tamén precisamos que as ONG desenvolvan o seu traballo estruturando eficientemente o voluntariado para a mellor fin dos programas que determinen os servizos sociais públicos. As ONG poden ser eficaces instrumentos de colaboración, mais nunca facer a guerra pola súa conta. Quizais no canto de recollermos alimentos haberíamos implementar o cheque-tenda.

A medida política chave para posibilitarmos esta caste de políticas eficientes é a renda social básica. Que todo cidadán poida percebir unha renda faga o que faga. Financiariámola parcialmente con moitísimas axudas asistenciais xa existentes (subsidio por desemprego, RISGA, axudas locais…), garantiría a subsistencia digna da case totalidade da cidadanía, evitaría o dumping social que sofrimos as empresas que pagamos consonte coa lei e a dignidade humana e permitiría que os servizos sociais da Xunta e dos concellos traballasen eficazmente na prevención e reversión da exclusión social.

Alarmas sanitarias, alarmas de lume…alarmas sociais. É tan difícil humanizar e desburocratizar a loita contra a pobreza e a exclusión?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.