FeSP-UGT: » Están a enviar material de protección COVID-19 aos Servizos de axuda no Fogar que non está homologado»
FeSP-UGT-Galicia denuncia que se está a enviar material de protección contra o COVID-19 (luvas, gafas, batas, máscaras…) aos concellos que non está homologado. Por iso, o Sindicato advirte ás empresas e persoal que prestan servizos de atención ás persoas especialmente vulnerables ao contaxio por COVID-19, como sucede no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que este material non debería ser utilizado porque pode non protexer adecuadamente de enfermidades infecto-contaxiosas.
Así, o responsable de Sanidade, Servizos Sociosanitarios e Dependencia de FeSP-UGT, Javier Martínez Fente, dá a voz de alerta despois de que varios concellos anunciaran que están a distribuír este material entre o persoal do SAF “aínda que non sexa o mellor material do mundo”, segundo admitiron varios alcaldes e alcaldesas. A este respecto lembra que a cualificación como EPI só é posible cando existe homologación do produto e selo que certifica o control da produción.
Martínez Fente cualifica como unha grave irresponsabilidade a distribución deste tipo de material, dado que pon en perigo aos maiores que reciben atención a través do SAF. Ao seu xuízo, uns equipos que non son de uso sanitario e carecen de homologación e, por tanto, non protexen contra o contaxio vírico, non deberían ser utilizados por ninguén. “Entregar este tipo de máscaras, luvas e monos de protección dá unha falsa sensación de seguridade e pode propiciar situacións de contacto que noutras condicións non se darían, axudando así á propagación do virus”.
Fotografía Galiciapress