Miguel Anxo Seixas presenta na Real Academia Galega a súa biografía de Castelao no centenario da primeira exposición das estampas de ‘Nós’

O historiador Miguel Anxo Seixas Seoane presentará mañá luns na Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) o primeiro tomo da súa biografía de Castelao, un traballo monumental que afonda na figura do maior intelectual do galeguismo do século XX na súa integridade. O acto terá lugar xusto cen anos despois da inauguración na Coruña, o 2 de marzo de 1920, da primeira exposición das súas estampas recollidas posteriormente no álbum Nós. Miguel Anxo Seixas estará acompañado na presentación polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; Dolores Vilavedra, en representación da Editorial Galaxia; e o catedrático da USC e académico Ramón Villares, director do tribunal da tese na que se basea esta ambiciosa publicación. «Cumpría tentar ver o Castelao enteirizo, pero en todas as súas dimensións e, a ser posible, en todas as relacións», xustifica o autor na introdución.

Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 (2019) é a primeira de tres entregas que verán a luz na colección Grandes Biografías de Galaxia. Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) procura na achega máis ambiciosa á figura de Castelao situar todo o que foi e deitou no seu tempo un home cuxa vida, vivida entre 1886 e 1950, condensa e resume unha parte relevante da historia de Galicia. «El, un dos construtores da nación, é unha testemuña privilexiada e un actor. Neste home de Rianxo está o mar e está a terra, está a Galicia de aquén e a de alén mar en que foi emigrante», expresa o historiador na introdución.

A obra baséase nunha revisión exhaustiva dos fondos relacionados con Castelao espallados por distintas institucións e en información facilitada tamén por particulares a ambas as beiras do Atlántico. «Neste andar ás crebas existe unha cidadanía que me axudou a construír esta obra», agradece o autor Miguel Anxo Seixas.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.