O SPDCIF continúa coa desinfección dos exteriores de residencias e centros de saúde en 10 concellos lucenses

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que hoxe actuarán na comarca de Lugo (Castroverde, O Corgo, Friol, Rábade e Castroverde); A Ulloa (Antas de Ulla e Palas de Rei); A Montaña (Cervantes e Becerreá) e en Ribeira de Piquín

A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), continúa no día de hoxe coas tarefas de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e dos centros de saúde en dez municipios lucenses do rural, cometido de limpeza extraordinario vinculado á situación de emerxencia por mor do coronavirus.

Na comarca de Lugo teñen previsto actuar nos centros de saúde do Corgo, Friol, Rábade e Castroverde. Na Ulloa, operarán nos centros de saúde de Palas de Rei e Antas de Ulla. Na área da Montaña, despregaranse en Cervantes para desinfectar os exteriores do centro de saúde e en  Becerreá para traballar na residencia de maiores do Cereixal. Tamén se desprazarán ao centro de saúde de Ribeira de Piquín.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que os profesionais do SPDCIF están a traballar na desinfección destas áreas rurais tan concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e dos produtos precisos para efectuar as desinfeccións.

Cómpre lembrar que, a maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e apoiar aos residentes en espazos illados, remotos ou de difícil acceso, incluído a posibilidade de colaborar no transporte de produtos como víveres ou material sanitario a zonas do rural galego.

Con todo, a función principal deste corpo seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Balseiro volveu a salientar o importante traballo que desenvolven os integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios da Xunta e a súa profesionalidade e disposición de servizo público.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.