Os profesores da USC Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo analizan a supervivencia do virus en diferentes superficies

A situación de alarma sanitaria que se está a vivir por mor da crise do COVID-19 implica que moitas das tarefas que se adoitan levar a cabo na vida cotiá deban desenvolverse tomando especiais precaucións. Así por exemplo, chegar á casa cos produtos adquiridos nun supermercado é unha acción que debe facerse atendendo a certas pautas. “Aqueles produtos que veñen envasados en plástico deberían ser transferidos a recipientes caseiros”, sinalan os virólogos da Facultade de Bioloxía Isabel Bandín Matos e Carlos Pereira Dopazo.

“Este virus sobrevive, en xeral, uns poucos días en superficies non absorbentes como o plástico ou o metal; como máximo, un día en papel ou cartón; e só unhas horas en moedas”, explican os profesores da USC. De todos os xeitos, o importante, sinalan, “é que se a carga viral nestes obxectos é baixa, a probabilidade de que nos infectemos por contacto tamén o é, e a medida que pase o tempo, a carga  viral irase reducindo”. Neste senso, é recomendable lavar as mans con xabón tras volver do supermercado, volver lavalas tras baleirar a compra; e facelo novamente antes de preparar a comida

Diñeiro

Manexar cartos á hora de adquirir produtos pode chegar a converterse nun foco de transmisión do virus. “Se nos tapamos a cara ao tusir ou esbirrar, a cantidade de virus que transferimos ás mans é moi alta e, polo tanto, son un foco de transmisión. Se non temos coidado hixiénico nesta fase, por suposto que estaremos a contaminar todo obxecto que toquemos, incluído o diñeiro”, apuntan Bandín e Pereira. A non manipulación de cartos en metálico, é dicir, o uso de tarxetas ou outros sistemas de pago, contribúen a reducir as actividades que poden ser transmisoras do virus.

Alimentos

Bandín e Pereira subliñan a importancia de que as persoas que manipulan os alimentos tanto nos supermercados como nos repartos a domicilio, o fagan en condicións asépticas. “O virus non se transmite vía alimentos”, sinalan a non ser que estes fosen tratados por manipuladores pouco hixiénicos. “O idóneo sería que os repartidores a domicilio cambiasen as luvas frecuentemente; pero isto pode ser contraproducente, se chegamos a un momento no que a subministración deste tipo de material se bloquee. Desinfectarse as mans enguantadas entre servizos non é mala idea, pero tampouco a subministración de desinfectante está asegurado. En todo caso, se cando se fai o servizo, o profesional non tocou nada da vivenda, non debería supor un problema”, explican. No caso do peixe ou outros alimentos que se reparten a domicilio, “unha vez que se cociña, xa non hai que preocuparse polo virus”. 

Libros

Mercar libros de xeito online implica tamén tomar unha serie de precaucións. Bandín e Pereira recomendan non tocar este obxecto durante 24 horas que é o tempo que o virus sobrevive neste tipo de superficies.

Hixiene do fogar

Cando se sae ao exterior do fogar e existen dúbidas de se a persoa puido exporse a algún tipo de contaminación, logo de lavar as mans con eficancia, é recomendable que se aireee a roupa durante 24 horas e, se é necesario, “lavar con deterxente os tiradores das portas”. En resumo, Bandín e Pereira destacan que as pautas recomendadas non son máis que simples medidas de hixiene, “que nesta situación de risco débense extremar”. Neste senso, poñen o foco na desinfección dos teléfonos móbiles que “son transmisores moi eficaces de axentes infecciosos”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.