Revista do Fútbol Feminino Galego – Número 77 (febreiro, 2020)

Cando nun titular ou nun contido nos atrevemos a empregar expresións como “a primeira” para darlle unha forza e unha intensidade que pretende asegurar a atención do lector, ou da lectora, debemos estar moi ben documentados. Ás veces, mesmo estando, facemos piruetas dun trapecio a outro sen decatarnos de que abaixo non hai rede.

No mes de xaneiro, cando mirabamos as actualizacións dos planteis dos equipos que compiten nas categorías dos nosos sorprendémonos ao ver que o Oviedo incorporaba a unha futbolista descoñecida para nós: Carlota Suárez Crespo.
Carlota é unha dianteira viguesa, cunha formación futbolística inicial en Maxadahonda e Pozuelo, que despois marchou aos Estados Unidos para converterse non só na primeira xogadora galega en chegar á NCAA (aquí deberiamos engadir o de “probablemente”), senón que ademais o fixo nun equipo na Primeira División da prestixiosa competición universitaria. Falar con ela foi descubrir unha xogadora que abeirou o anel de campioa nacional dos júnior colleges estadounidenses (NJCAA), que acadou unha importancia na súa Conferencia, a Southland, na que en dúas ocasións formou parte de onces ideais
da temporada.
O pasado mes volveu traernos momentos tensos, con chamadas de atención ante a falta de resolución da patronal para resolver a sinatura do Convenio e a nova aparición de Luis Rubiales, ao que se lle veu máis como un instigador que intentaba pescar (futuros votos) nun mar revolto, disfrazado de “poli bo”, armado coa inútil suxestión “20.000” coa que
amolecer as ameazas de Ainhoa Tirapu, que alertaba da posibilidade doutra folga.

Cunha visión menos apaixonada sobre o asunto só deu para entender que o presidente da RFEF tiraba un farol nunha partida na que Tebas é quen ten a mellor man. Polo medio, os sempre discordantes Barcelona e R. Madrid (Tacón) para poñer nervioso a Mediapro, un dos que pon a “pasta”. Historia aborrecible, que repite fórmulas como as do fútbol masculino.

No final, quen manda, manda. Agás que os sans-culottes tomen consciencia común e
revolucionen o circo.
Carlos Castro

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.